Pedro Branco reafirma en Vigo "o compromiso" do Goberno estatal de "construír máis vivenda, máis rápido e de máis calidade" na Galiza

O delegado subliña o investimento de 575 millóns de euros en políticas de vivenda na Galiza por parte do Goberno español.
Encontro da Delegación do Goberno español co sector da construcción, esta terza feira 21 de outubro. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)
Encontro da Delegación do Goberno español co sector da construcción, esta terza feira 21 de outubro. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, destacou esta terza feira que a vivenda será "o grande eixo de acción" do Executivo estatal nos próximos anos, coa vontade de garantir o acceso dos galegos e galegas a "un fogar digno e accesíbel como un dereito constitucional".

"O reto é construír máis vivenda, máis rápido e de máis calidade", asegurou Pedro Branco, ao tempo que incidiu na importancia de impulsar o PERTE de Vivenda, "co que situamos o sector da construción como un auténtico protagonista da transformación, un sector experimentado e dinámico, co que imos traballar da man para responder á necesidade de miles de familias".

Así o reivindicou nun almorzo informativo coa Asociación de Construtores de Pontevedra (ACP) decorrido en Vigo. O encontro contou tamén coa presenza do subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, do presidente da ACP, Miguel Caruncho, do director de Sabadell Profesional Galicia de Banco Sabadell, Fernando Vieiro, e da concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride.

O delegado lembrou que, tras 15 anos de parálise na construción de vivenda pública por parte da Xunta da Galiza, só na circunscrición de Pontevedra existen 10.417 demandantes de vivenda protexida, aos que o Goberno estatal "vai tratar de dar resposta con políticas valentes e recursos reais".

Nesta liña, subliñou que o Executivo español está a investir 575 millóns de euros nos últimos anos en políticas de vivenda na Galiza, o que supón que "dous de cada tres euros en vivenda pública" proveñen do Goberno estatal, "permitindo financiar máis de 420 vivendas de aluguer social e a rehabilitación de máis de 1.300 fogares" no ámbito pontevedrés.

Investimento sen precedentes en infraestruturas

Na súa intervención, Pedro Branco puxo tamén en valor "os máis de 2.000 millóns de euros" que o Goberno español mobiliza en obra pública na circunscrición de Pontevedra, sumando proxectos en execución e en planificación para os próximos anos.

"Un esforzo sen precedentes que está transformando a provincia de norte a sur. Estamos a traballar en todos as frontes: estradas, portos, ferrocarril, aeroporto, mobilidade sostíbel e vivenda", explicou, lembrando que o Goberno español está presente en todas as comarcas "con obras e investimentos reais".

No ámbito das infraestruturas, destacou as melloras en Peinador, as actuacións na zona portuaria de Vigo, así como os investimentos en saneamento e sustentabilidade das rías, con novas estacións depuradoras (EDAR) na Illa de Arousa, Poio e Sanxenxo, "que contribuirán a mellorar a calidade ambiental".

No ámbito ferroviario, o delegado puxo en valor o traballo "en todas as estacións e tramos da rede", coa modernización das infraestruturas ou o avance de proxectos estratéxicos como a variante de Cerdedo e a saída sur de Vigo.

En canto á rede viaria, Pedro Branco subliñou que o Goberno española "está a actuar con máis de 1.200 millóns de euros desde 2018 na provincia de Pontevedra, entre proxectos executados e outros que están en marcha, destacando infraestruturas como proxecto do túnel entre O Porriño e Vigo, as obras da Avenida de Madrid, en Vigo, as do nó de bombeiros en Pontevedra, ou as melloras na AP-9 á altura de Redondela, máis aló dos investimentos en conservación e mantemento".

O delegado do Goberno español puxo en valor o papel da Asociación de Construtores de Pontevedra e das súas empresas asociadas, lembrando que moitas das obras en execución "levan o seu selo", ao seren empresas de Pontevedra as que están a realizar os proxectos impulsados polo Executivo estatal.

Neste sentido, Pedro Branco defendeu a necesidade de "manter espazos de diálogo e cooperación" entre a Administración e o sector da construción, escoitando as súas demandas e apostando por un "urbanismo áxil e planificado, que permita atraer investimento e crear emprego".

"Galiza avanza, Pontevedra medra e o Goberno español cumpre. O noso compromiso é o de apoiar o sector, investir no territorio e construír entre todos unha Galiza máis moderna, sostíbel e xusta", concluíu o delegado do Goberno español na Galiza.

Comentarios