Rueda anuncia que a Xunta comprará baixos comerciais para rehabilitalos e destinalos a aluguer como "solución" á crise da vivenda

Goretti Sanmartín exixe vivenda protexida en réxime de aluguer nas parcelas cedidas polo Concello de Santiago de Compostela.
Mariano Raxoi, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, o pasado 16 de outubro. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
Mariano Raxoi, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira 16 de outubro. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou esta quinta feira que o seu Goberno impulsará un proxecto piloto para adquirir baixos comerciais para rehabilitalos e convertelos en alugueres sociais, defendendo que se trata dunha "solución" á crise de vivenda que está a atravesar Galiza e o conxunto do Estado español actualmente.

Así o adiantou Rueda nun almorzo informativo en Madrid,  no que estivo acompañado, entre outras personalidades do Partido Popular, do líder estatal da formación, Alberto Núñez Feixoo, e do ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi.

Alí, puxo en valor as medidas que impulsou desde o seu Goberno para a utilización de baixos, como a reforma normativa para facilitar o cambio de uso de baixos comerciais a vivendas, e colocando deste modo esta cuestión como un eixo principal da súa política neste eido.

Esta aposta da Xunta por facilitar que eses baixos comerciais pasen a ser habitábeis dáse, ademais, nun momento no que hai ducias de miles de vivendas baleiras e denuncias, desde a oposición e desde os colectivos sociais, da falla de políticas públicas acaídas polo Goberno galego neste campo.

Demandas do Goberno compostelán

Precisamente neste contexto, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliñou que o seu Executivo municipal xa cedeu "tres parcelas" á Xunta para a construción de vivenda pública e incidiu na necesidade de que as dúas novas se destinen a aluguer.

En concreto, o Goberno compostelán ofreceu esta semana á Xunta a cesión de dúas parcelas máis para destinalas en exclusiva a vivenda pública en réxime de aluguer. Con todo, o Goberno galego exixiu que esta cesión se realizase de forma gratuíta e "sen condicións" sobre que se fará coas vivendas que sexan construídas.

Un novo desencontro da Xunta co Goberno da capital, despois de que a Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas desestimara o recurso presentado polo Concello de Santiago para ser declarado zona de aluguer tensionado -mecanismo da lei estatal de vivenda que permitiría limitar prezos do aluguer-.

Así o fixo nun contexto non que os alugueres se encareceron 62% na última década, o que provoca que case un terzo do gasto medio dos fogares galegos vaia para vivenda. E diante deste panorama, e ante as críticas ao Goberno galego pola falta de construción de vivenda pública, hai inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta da Galiza 11.486 persoas en espera dunha vivenda de protección en réxime de aluguer; o que supón 24% máis de persoas rexistradas que na mesma altura do ano pasado.

A outra "solución" da Xunta, compartir vivenda

O anuncio de Rueda chega despois de que tamén en outubro, mais de 2024, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o seu homólogo de Cultura, Lingua e Xuventude, María Martínez Allegue e José López Campos, presentaran outra "solución" para atallar "o problema da vivenda": a construción de 70 pisos de aloxamento compartido temporal destinadas a persoas menores de 36 anos.

Comentarios