Besteiro denuncia que as contas da Xunta deixan Galiza "sen vivenda inmediata, sen sanidade digna e sen avances reais na dependencia"

O secretario xeral do PSdeG denuncia que mentres Alfonso Rueda "presume de cifras e anuncios", aumentan as "necesidades sen resposta".

José Ramón Gómez Besteiro, este 20 de outubro. (Foto: Nós Diario)
José Ramón Gómez Besteiro, este 20 de outubro. (Foto: Nós Diario)

O portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta segunda feira que os novos Orzamentos da Xunta da Galiza "confirman que a campaña publicitaria era moito mellor que o contido" e que "o Goberno de Rueda non está a dar resposta ás necesidades reais da cidadanía galega".

"A verdade é que o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, os demandantes de axuda á dependencia e os demandantes de atención sanitaria", afirmou Besteiro, denunciando que "mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos de calidade".

Besteiro criticou que Rueda manteña a súa aposta polas rebaixas fiscais aos máis ricos, o que cualificou como "un déficit de financiamento que se compensa reducindo o Estado do benestar". Lembrou que a Atriga xa advertiu de que Galiza deixou de ingresar 731 millóns de euros, limitando así a capacidade da Xunta para reforzar os servizos públicos.

O líder socialista advertiu tamén de que a Xunta vai pagar 1.858 millóns de euros pola súa débeda, "o máximo histórico", cando podería aforrar un terzo dese importe —620 millóns— se Rueda aceptase a condonación. "Pero négase", lamentou Besteiro, "impedindo dispor de recursos para mellorar a vida da xente".

Besteiro cualificou os novos Orzamentos como "un freo ás expectativas da xente que agarda unha Galiza con dereito a unha casa, a uns servizos sociais eficaces e a unha atención sanitaria pública e de calidade".

Puxo o foco en que os Orzamentos incrementan só un 2,1 %, mentres o IPC vai fechar nun 2,8 ou 2,9 %: "Isto é perder, aquí e na China. Os orzamentos non medran: decrecen", advertiu. E engadiu con ironía: "Son uns lumbreras da economía".

Vivenda: "moita propaganda"

O secretario do PSdeG denunciou que "de nada serve destinar recursos á vivenda se non se executan. Todas as partidas volven ir a futuríbeis" que nunca se materializan".

Lembrou que, ano tras ano, a Xunta deixa sen executar máis da metade dos fondos comprometidos en materia de vivenda, o que demostra, dixo, que "non hai vontade real de dar solucións": "De pouco vale anunciar novas promocións ou axudas cando o orzamento destinado ao acceso á vivenda non se materializa", insistiu.

Preguntou "que fai unha enfermeira ou un profesor de 35 anos que necesita atopar vivenda?" e lembrou que hai 22.680 demandantes rexistrados, "esa é a única cifra que medrou nos últimos anos, a da xente que busca casa".

Na partida destinada a Sanidade, o portavoz socialista advertiu de que apenas medra en 157 millóns de euros respecto a 2024, o que "significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria, que si que é o maior problema dos galegos e galegas".

En política social, Besteiro destacou que dos catro ámbitos clave —Migración, Dependencia, Discapacidade e Solidariedade— só aumenta o gasto en dependencia, "e iso é porque se incrementaron os fondos do Estado".

"Todo o demais baixa, especialmente as partidas vinculadas á inmigración. Non sabemos se isto terá que ver con que xa están negociando con Vox", advertiu.

Menos equidade no financiamento local

O socialista sinalou que o fondo base con criterios obxectivos mantense igual que no exercicio anterior, en 118 millóns de euros, mentres que "os cartos que se reparten a dedo increméntanse en 18 millóns".

"O diferencial do que medra é o que non se gastou o ano pasado", explicou, lamentando, unha vez máis, "a falta de transparencia e planificación" do Goberno galego.

"Medra o malestar, non o benestar"

Besteiro concluíu que estes Orzamentos "non son só unha decepción política; son a constatación de que Galiza perde capacidade económica e servizos públicos mentres Rueda se dedica á propaganda".

"A verdade é que o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, de axuda á dependencia e de atención sanitaria" porque, dixo, "mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos de calidade", sinalou.

Comentarios