Paula Prado (PP): "Á Galiza funcionoulle ben o sistema autonómico de España, o avance é incuestionábel"
—Considera necesario dotar de máis competencias o autogoberno que ten Galiza?
Á Galiza funcionoulle ben o sistema autonómico de España, de feito o que se evolucionou nestes 40 anos é incuestionábel. Nese sentido, nós pedimos as competencias que consideramos que se poden xestionar moito mellor desde Galiza que nun despacho da Castellana. Un fito histórico nesta lexislatura foi a consecución da xestión do litoral. Estamos pedindo máis competencias que consideramos que son importantes e que consideramos que non se están xestionando ben desde o Goberno de España e aquí a xestión sería máis áxil, como a meteoroloxía ou a homologación dos títulos [permisos de traballo de persoas estranxeiras na Galiza].
—O PP é partidario de pedir máis competencias e esgotar o marco actual, de avanzar a maiores cotas de autogoberno?
Nós o que non imos pedir nunca é a independencia da Galiza, niso está o BNG coa complicidade do PSOE. Nós somos galegos pero tamén nos sentimos españois, non cremos que a independencia sexa o mellor para Galiza nin unha aspiración que queiran os galegos. Por iso cada vez que se lle pregunta nas urnas, os galegos queren un modelo galeguista e non independentista.
—O modelo de financiamento volve estar en primeira liña do debate. Que modelo propón para Galiza?
Desde logo non o que formula o Goberno de España, o cupo independentista. Hai un estudo que indica que ese modelo prexudica Galiza en mínimo 600 millóns de euros.
—Mais o modelo actual de financiamento está caducado e está en debate como será o novo. Mesmo o conselleiro de Facenda ten recoñecido que a Galiza recibe menos do que necesita...
Somos partidarios dunha negociación de financiamento que ten que facerse con todas as comunidades, non pode ser unha negociación bilateral con Catalunya e deixando á marxe o resto. Efectivamente, Galiza ten unha serie de condicionantes que teñen que ser tidas en conta á hora de tratar o financiamento, como é a dispersión poboacional ou o envellecemento da poboación. Iso xera un incremento na prestación de servizos que debe de ser contemplado no modelo de financiamento. Pero ese modelo ten que ser consensueado con todas as comunidades autónomas.
—Como valora o curso político que vén de rematar?
Consolidouse o estilo da Galiza de calidade e de futuro. Estamos vendo que se puxeron en marcha moitas políticas, en vivenda, conciliación, igualdade ou sanidade pública. Alfonso Rueda saíu das eleccións de febreiro de 2024 como o presidente con máis apoio de todas as comunidades autónomas. Falta que o Goberno de España cumpra cos seus compromisos, como en vivenda ou a gratuidade da AP-9 que Gómez Besteiro prometeu en campaña Non cumpre e conta coa complicidade do BNG que deu un cheque en branco ao Goberno de Pedro Sánchez, o Goberno máis corrupto de toda a Unión Europea.