Entrevista

José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG): "O autogoberno non debe ser un lema, ten que ser unha mostra da capacidade real para gobernar mellor"

Nós Diario entrevista a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Ás portas do Día da Patria Galega, expoñen as propostas das súas formacións en autogoberno e financiamento, así como a súa valoración do curso político que vén de rematar.
Besteiro
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Arxina)

—Ás portas deste 25 de Xullo, considera que é preciso incrementar o autogoberno da Galiza, e como se debería concretar?
Eu creo que si. Estes 16 anos do PP son 16 anos sen completar o mapa de competencias e sen apostar por elas. O autogoberno non debe ser un lema, ten que ser unha mostra da capacidade real para gobernar mellor. Mentres outras comunidades avanzan con máis competencias —Euskadi é un exemplo con máis de 30 competencias neste período e tamén Catalunya—, a Galiza quedou atrás. Cando falamos de autogoberno e competencias tamén falamos de financiamento, nisto a folla de servizos do PP na Xunta da Galiza é triste. 

—Falar de autogoberno é falar de competencias e de financiamento, dous debates que están en primeiro plano na política galega. Financiamento propio para Galiza como vén de pactar o Estado con Catalunya?
Require un acordo que estabelece o financiamento singular. Eu non sei por que o PP ten tanto odio á palabra singular, nós o que estamos reivindicando todos os días son as singularidades do noso país. O que precisamos é un financiamento que atenda as nosas singularidades e que sexa suficiente. Esa proposta —a do Estado a Catalunya— é un financiamento singular, suficiente e vai estabelecer a cota de solidariedade e a prestación de servizos igual en toda España. Temos unha posición diferenciada do PP porque non sabemos cal é o seu modelo, e tamén do BNG, que aposta por un concerto puro e duro, que consideramos que para Galiza é insuficiente.

—Recadación dos propios impostos?
Totalmente, pero o importante non é só ter a capacidade para facelo, que nós estamos de acordo con que así se faga para todos os tributos, o importante é ser corresponsábel fiscalmente co resto do Estado.

—Que competencias reclamaría para a Galiza que aínda non ten?Ç
Temos que estabelecer un marco no que sexamos capaces de que esa competencia nos permita gobernar mellor. Competencias como teñen outras comunidades históricas como inspección de traballo, o ingreso mínimo vital, políticas migratorias, xestión das prisións ou das propias infraestruturas é un paso que a Galiza ten que dar. 

—Valoración do curso político que vén de rematar?
Foi a representación do PP nos últimos tempos, propaganda no canto de política real. Prometeron vivendas públicas e pasou un ano e non temos, anunciaron reforzos en sanidade e non chegan e Alfonso Rueda fala de grandes proxectos mentres hai emerxencias reais que temos sen atender. Falta execución e falta estabelecer as prioridades. E se falamos dos proxectos industriais parece que o único que ten interese para a Xunta é Altri. A valoración é absolutamente negativa.

—Cales cre que van ser as claves do novo curso?
Imos falar de financiamento singular e suficiente para a Galiza. O PP non é capaz de falar dun modelo. Tamén imos falar de servizos públicos, sanidade, dependencia, educación e proxectos industriais de futuro ou de vivenda.

Comentarios