Ana Pontón (BNG): "Temos que avanzar no noso recoñecemento como unha nación con plenos dereitos políticos"
—Este 25 de Xullo desenvólvese nun escenario marcado por debates como o do novo modelo de financiamento.
Temos un Goberno na Xunta que non está defendendo os intereses da Galiza, submiso ás directrices do PP en Madrid e que emprega a Xunta como un ariete máis ao servizo da estratexia de confrontación do PP a nivel de Estado. É unha irresponsabilidade histórica, estamos nun momento no que se están movendo os marcos no Estado español. Hai un debate territorial, un debate sobre o financiamento que é importante en dous aspectos.
O primeiro, no que ten a ver co status diferente para as nacións que hai no Estado. Euskadi ten o seu concerto económico e Catalunya está abrindo camiño para telo. Sería un erro histórico que a Galiza sexa a única nacionalidade que non o teña. Iso significaría que imos ficar atrás, vai rebaixar o noso status de facto dentro do Estado español e isto ten consecuencias. E en segundo lugar, perderiamos a oportunidade de ter o control dos recursos que xera Galiza. Imos perder miles de millóns de euros cada ano que poden destinarse a sanidade, educación ou política social. O Goberno galego traballa para o centralismo, repetindo a milonga de que somos un país pobre cando o Estado fai caixa con Galiza. O concerto económico sería moi beneficioso.
—O debate sobre o financiamento abre ao mesmo outro debate: Que autogoberno precisa Galiza?
O Goberno do PP na Xunta presume de que en 16 anos conseguiu unha competencia, é terríbel. A este ritmo tardariamos 300 anos en completar o actual Estatuto. E a competencia da que presume, litoral, non é que teñamos as competencias sobre todo o litoral, iso é falso, temos só nunha parte. De feito, o PP votou en contra de que tivésemos todas competencias nese campo. Non temos capacidade para lexislar sobre o litoral.
O PP non cre na Galiza, por iso non quere autogoberno. Nós o que dicimos é que hai que ir nunha dobre dirección. Por unha parte, ter todas as competencias pendentes, máis de 30; e por outro, abrir un debate sobre o status político da Galiza. É evidente que temos que avanzar no noso recoñecemento como unha nación con plenos dereitos políticos.
—Cales van ser as chaves do curso político que arranca após o verán?
O PP ten unha estratexia, que é trasladar á Galiza o ambiente da lameira na que está a política estatal. Temos o PP máis ultra da historia e o presidente máis desleal con este país. Quere tapar con manipulación, propaganda e bulos a súa incompetencia para resolver os problemas da Galiza. Nós imos seguir centrados en defender os intereses deste país e iso significa frear os proxectos agresivos contra o territorio, que podemos exemplificar en Altri, pero non só. Defendemos que haxa un Goberno que traballe para mellorar a vida da xente e non para empeorala; e temos que ser unha voz que denuncie as políticas agresivas do imperialismo e a necesidade de defender a paz.