Parte do estudantado Erasmus terá dificultade para votar o 25-S

As persoas que inicien o ano académico no mes de setembro fican practicamente imposibilitadas para exercer sufraxio.

Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

Lúa Pombo é estudante de 3º de Traballo Social e o vindeiro curso académico (2016-2017) estará na Universidade de Nápoles como estudante Erasmus. As aulas de italiano --un curso intensivo para coñecer a lingua na que serán impartidas as materias-- inícianse a comezos do mes de setembro polo que ten a obriga de estar na cidade italiana o día 6. Cos prazos estabelecidos para votar por correo ou solicitar o voto como residente no exterior de maneira temporal, é practicamente imposíbel que poida exercer o seu dereito de sufraxio. De facto, Pombo sinala que outras amizades súas que cursarán estudos en Franza e Portugal comezan tamén o curso na primeira semana de setembro. 

O período habilitado para votar por correo na Galiza o vindeiro 25 de setembro abrangue dos días 2 de agosto ao 15 de setembro como prazo para presentar a solicitude. Neste senso, o envío da documentación necesaria está previsto entre o 5 e o 18 de setembro que deberá ser encamiñada, debidamente cumprimentada, entre os días 5 e 21 de setembro. 

Lúa Pombo sinala en conversa con Sermos Galiza que para ela fica invalidada esta posibilidade porque non podería estar na Galiza para recoller a documentación nen re-encamiñala através de Correos. 

Para votar desde o extranxeiro o prazo de solicitude remata o 5 de setembro, antes da chegada dalgunhas persoas estudantes

Votar como residente temporal no extranxeiro

A alternativa, é exercer sufraxio como residente no extranxeiro de maneira temporal (ERTA). Porén, para iso é preciso rexistrarse como non residente no Rexistro de Matrícula do Consulado correspondente e ter solicitado o voto unha cuestión que debe realizarse entre o 2 de agosto e o 27 de agosto. Lúa Pombo non chega a Nápoles até o 6 de setembro. 

A documentación encamíñase ao electorado entre o 30 de agosto e o 5 de setembro --até o 13 de setembro con impugnación de candidaturas. Finalmente Correos prevé n prazo para o envío do voto e a documentación do 30 de agosto ao 21 de setembro. Lúa Pombo asegura que explorará a posibilidade de solicitar o voto como residente no extranxeiro de maneira temporal mais as datas non dan e a opción de tornar a Galiza para votar en urna custa cartos. Na práctica, asegura, fica imposibilitada para exercer o dereito de sufraxio e, coma ela, "as persoas que comecen o curso en setembro". 
 

Comentarios