Até 18 formacións concorren ás eleccións do 25S

En 2011 foran 26 as candidaturas que competiron nos comicios galegos

Papeletas eleccións

A vindeira segunda feira, 22 de agosto, finaliza o prazo para rexistrar as listas electorais, inscribindo así as persoas que integran as candidaturas que as diferentes formacións presentan para as eleccións do 25 de setembro. Mais o que si fixeron as diferentes formacións foi rexistrar os seus representantes perante a Xunta Electoral de Galiza, un requisito obrigado para poder concorrer nos comicios galegos. O trámite foi realizado por 22 partidos políticos e 5 coligazóns, mais finalmente serán 18 as formacións que vaian tomar parte na cita coas urnas de finais de setembro.

É un número inferior ao dos comicios galegos de hai catro anos, cando foran 26 as papeletas entre as que poideron escoller as persoas electoras. Organizacións que daquela presentaran candidatura, caso do Partido da Terra ou Falange, por poñer dous exemplos antagónicos, non están presentes nesta cita coas urnas. Moitos outros repiten, quer coa mesa denominación, quer con outras ou quer baixo outras fórmulas xurídicas.

Un total de 2.701.837 persoas teñen dereito a votar nas eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro

Así, rexistráronse PP, PSOE, Ciudadanos, Converxencia 21, Democracia Ourensana, Partido Libertario, Vox, Compromiso por Galicia, PCPE-Comunistas da Galiza, Vía Nova Galicia, Alternativa Independente de Galicia, Centrum, Paryido Animalista, Sain, Escanos en Branco, Ciudadanos Libres Unidos, Partido Anticorrupción, Podemos, Esquerda Unida e Anova (as tres refundidas en En Marea). Como coligazóns figuran BNG- Nós Candidatura Galega, Recortes Cero-Grupo Verde, Cidadáns-Centrum, Unidos por el Futuro e Ganemos Galicia si se puede.

Electores

Un total de 2.701.837 persoas teñen dereito a votar nas eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro. Deles, 2.255.602 electores residen en Galiza e 446.235 residen no estranxeiro con concello de inscrición en Galiza. Perto do 17% das persoas que o 25S poden exercer o dereito a voto non viven no noso país. Unha porcentaxe moi diferente é a que presenta Euskadi, o outro territorio do Estado que vota o 25 de setembro. Alí o número de electores residentes no estranxeiro é de 69.130, o que supón o 3,8% do total.

Comentarios