O Parlamento galego debaterá sobre a ilegalización de Causa Galiza

O BNG comprometeuse cos independentistas encausados na 'Operación Jaro' a presentar unha inciativa ao respecto na Cámara galega e a facer un seguimento do proceso xudicial.

causa galiza

O BNG presentará unha iniciativa no Parlamento galego sobre a suspensión de actividades decretada pola Audiencia Nacional para Causa Galiza e polo arquivo do proceso no que están imputados 9 independentistas a raíz da 'Operación Jaro'. Delegacións do Bloque e dos encausados mantiveron unha xuntanza esta quinta feira en Compostela, reunión na que os nacionalistas se comprometeron levar á Cámara Galega a ilegalización de facto da organización independentista. “A iniciativa ímola presentar seguro, agora fica por ver cal será o formato, unha vez que comece”, manifestaron fontes do BNG consultadas por Sermos Galiza.

“Hai un compromiso de levar ao Parlamento este tema, e en base a dúas cuestións: é unha ilegalización anti-democrática e, ademais, pedir o arquivo do proceso ao que a Audiencia Nacional nos somete a 9 independentistas”, indica un voceiro dos encausados na 'Operación Jaro' a Sermos Galiza. Para alén desta vía institucional, o BNG tamén se comprometeu a facer un seguimento do proceso xudicial aberto tanto contra Causa Galiza como contra cada un dos nove independentistas procesados.

“Reiteramos o noso rexeitamento á ilegalización, a nosa denuncia do retroceso de liberdades e dereitos, e do papel que xoga a Audiencia Nacional”, apontan desde o BNG. Os representantes dos encausados informaron aos nacionalistas sobre a situación de inseguridade xurídica na que se atopan, máxime após denunciar a súa defensa a vulneración da cadea de custodia de varias probas. "Transmitíronnos o apoio da organización a aquelas accións que poida haber de denuncia desta represión", conclúen. Apontan, tamén, que embora solicitar unha xuntanza con En Marea aínda non recibiron resposta. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios