18-F

Pacma, sobre o 18-F: "Cos mesmos recursos económicos que Sumar ou Vox superaríamolos en votos"

O partido conseguiu 0,36% dos votos emitidos este domingo

Javier Luna, presidente estatal de Pacma. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Javier Luna, presidente estatal de Pacma. (Foto: Nós Diario)

O Partido Animalista Pacma non valora os seus resultados electorais na Galiza de maneira positiva ou negativa, senón circunstancial. O presidente estatal da formación, Javier Luna, asegura que practicamente non investiron diñeiro na campaña electoral, e que se contasen co mesmo financiamento público que partidos como Sumar ou Vox, “posibelmente os superarían en votos”.

Expresando a súa gratitude ás máis de 5.300 votantes que depositaron a papeleta animalista nas urnas este domingo, Luna recoñece que a formación, que experimentou unha lixeira diminución en votos respecto aos resultados de 2020 (algo máis de 600), conta cunha base "sólida e estábel" na Galiza.

"A pesar de afrontar un desafío formidábel con recursos financeiros case inexistentes en comparación con outros partidos, superamos en votos a grandes partidos como Podemos e ficamos a pouco máis de 20.000 votos de Sumar, cuxa líder é, ademais, galega", apunta Luna.

"É importante destacar que, aínda que valoramos positivamente superar algunhas formacións políticas, recoñecemos a lixeira diminución no número de votos en comparación con eleccións anteriores, o que reflicte un desafío importante para os seguintes comicios galegos".

Á súa vez, o presidente lamenta a falta de espazo outorgado a Pacma nos medios de comunicación públicos, tanto en televisión como en radio: "Estamos en clarísima desvantaxe respecto aos partidos grandes, factor que tamén hai que valorar, pois todo material audiovisual é autoxerado".

Pacma agarda que as eleccións europeas, que presentan un escenario político moi diferente, brinden a oportunidade de obter resultados favorábeis e o ansiado extraparlamentario. "Con circunscrición única, é unha realidade moi factíbel entrar en Europa este ano", conclúe Luna.

Comentarios