Pablo Iglesias: “Feijóo non só é amigo de narcos, tamén un mal xestor”

O líder de Podemos asegurou que Galiza ten que elixir o 25S entre “un presidente disposto a dar a cara pola xente” e outro que goberne “polos intereses dos poderosos e do seu partido”, durante a súa primeira e única visita prevista nesta campaña.

Iglesias e Villares durante o mitin na Coruña (Foto: En Marea)

En Marea contou esta terza feira coa presenza do portavoz estatal de Podemos, Pablo Iglesias, que sinalou En Marea como única alternativa contra o PP o 25 de setembro. “Triplicaron a débeda; Feijóo non só é amigo de narcotraficantes, non só ten no seu partido a corrupción, senón que son malos xestores. Non son só corruptos, son ineficientes”, sinalou Iglesias durante un mitin na Coruña. 

Sobre os comicios galegos, Iglesias manifestou que “Galiza non merece Feijóo nin o PP, merece un goberno decente” e abriu dúas posibles vías para o 25S. “O vindeiro domingo se elixe entre un goberno do PP e un presidente dos galegos e das galegas, disposto a dar a cara pola xente e non seguir gobernando polos intereses dos poderosos e do seu partido. Non somos coma eles e non o imos ser nunca”, salientou na súa primeira e única visita prevista a Galiza nesta campaña.

O portavoz de Podemos referiuse tamén ao clima político no Estado para rexeitar que “o problema fundamental de España” sexa a falta de goberno cando “o problema real é a desigualdade, a precariedade laboral, que os mozos teñan que marchar, que non se podan ter condicións de vida digna, o nivel intolerable de corrupción”. 

"Merecer o odio dos que envelenan o pobo será a maior das nosas honras”, dixo Iglesias sobre o escenario político estatal.

Iglesias chamou a ignorar as mensaxes contra o seu partido. “É imposible ser decente en política sen dar medo a quen está acostumado a gobernar de xeito corrupto. Cando se asume estar coa xente normal hai que asumir tamén que os poderosos te van sinalar. Merecer o odio dos que envelenan o pobo será a maior das nosas honras”, en declaracións recollidas en nota de prensa de En Marea.

Aliás, recoñeceu que non foi doado conseguir a unidade para a formación do partido instrumental En Marea, pero reivindicou como exemplo do espírito da confluencia o goberno da Coruña que, segundo asegurou, demostra “que non só podemos ganar senón que alí onde gobernamos o facemos mellor“.

Pola súa banda, o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, fixo un chamamento ao electorado galego porque, dixo, estamos “no momento do compromiso, de que ninguén quede na casa, de non se render e dar pasos cara adiante para que o vindeiro domingo a maioría social se mobilice e faga historia”. 

“Está todo o país mirando para nós, todo o Estado, está incluso a Troika parada mirando cara nós", destacou Villares.

Villares sinalou o peso das eleccións galegas no panorama estatal, incluso a nivel europeo. “Está todo o país mirando para nós, todo o Estado, está incluso a Troika parada mirando cara nós. Imos a acabar coas políticas do sufrimento”, reclamou o aspirante da formación instrumental.  “En Marea apelamos ao 100% dos galegos que non queren corrupción, nós apostamos polo cento por cento mentres o tándem Feijóo-Rajoy apelan só ao 70% de indecisos”.

O candidato da confluencia reafirmou que a primeira medida dun goberno de En Marea será impulsar unha Lei de Garantías Sociais mínimas fronte as políticas empobrecedoras do PP. “Os recortes son evidentes, tanto que tiveron que agochar o logo do PP, as siglas e ata o lema. O lema completo era: En Madrid non me queren a ver se en Galicia si”, ironizou Villares, acompañado tamén do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e polos cabezas de lista pola Coruña, Antón Sánchez e Luca Chao.

Máis en POLÍTICA
Comentarios