28-M

Ourense, O Carballiño e O Ribeiro: o interior que move un país

As comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro comprenden 31 concellos con máis de 184.000 habitantes. 143.187 viven nos 12 concellos da comarca de Ourense, 26.222 nos nove da do Carballiño e 15.544 residen nos 10 municipios da comarca do Ribeiro. O sector agroalimentario (nomeadamente o vitivinícola), a industria auxiliar, o téxtil e a construción concentran, xunto cos servizos, a actividade industrial desta área. Ourense está ademais a desenvolver un turismo termal que xa deixa a súa pegada nas cifras económicas.
Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

As comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro son motores económicos do interior do país. A presenza na comarca de Ourense de dous parques empresariais, o de San Cibrao das Viñas e o do Pereiro de Aguiar, e a zona comercial de Barreiros concentran boa parte da industria que xera emprego e riqueza nestas zonas, pero tamén un motor a nivel de toda a área. San Cibrao das Viñas é un concello de 5.558 habitantes que debe ao seu polígono industrial o feito de que medre a súa poboación ao converterse ademais en cidade dormitorio. Ten unha taxa de desemprego practicamente testemuñal. Esta área industrial concentra máis da metade dos postos de traballo do sector de todo Ourense. En San Cibrao están instaladas máis de 300 empresas e ten en marcha unha ampliación de solo de 341.000 metros cadrados que estará operativa en 2025.

Un caso semellante é o do Pereiro de Aguiar, tamén na comarca de Ourense, con 6.609 habitantes e un polígono que dinamiza o emprego e a economía a nivel local e comarcal. Tamén o polígono do Pereiro de Aguiar quedou pequeno e está pendente dunha cuarta ampliación en máis de 200.000 metros cadrados novos, dos que xa están reservados o 65%. O Pereiro de Aguiar dá emprego na súa zona industrial a 2.000 persoas en máis de 100 empresas, ás que se sumarán co novo solo 500 novos empregos.

O peso do Ribeiro

A produción vitivinícola na comarca do Ribeiro, a segunda máis antiga do Estado, é outra pata fundamental no debuxo destas comarcas. A Denominación de Orixe Protexida O Ribeiro conta con 108 adegas, que dan máis de 200 empregos directos, e 1.700 viticultores que producen a uva en máis de 1.300 hectáreas de terreo dos concellos da comarca. A importancia social e económica da produción de viño na zona é incuestionábel, e son moitos os retos que esta DOP ten por diante para manter un sector que precisa de medidas revitalizadoras do seu tecido produtivo, ampliando os terreos de cultivo e promovendo un relevo xeracional que o sector precisa para seguir medrando.

Do éxito destas estratexias produtivas e as fundamentais de mercado depende o futuro dos concellos da comarca, pero tamén a industria auxiliar vitivinícola da zona, o comercio dos concellos do Ribeiro, ou o mantemento dos servizos públicos para unha poboación de 15.544 habitantes en 10 concellos. Mentres haxa produción de viño haberá comercio local e haberá servizos para a xente, diso son conscientes na zona. Por iso desde o Consello Regulador analizan periodicamente a saúde do seu negocio e medidas correctoras dos problemas que se detecten, medidas precisas coma a concentración das terras para unha produción máis áxil e efectiva.

Eleccións

Nas comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro estas eleccións municipais ofrecen ao electorado un amplo abano de candidaturas, hai concellos como é o caso de Amoeiro, na comarca de Ourense, con só 2.369 habitantes, no que concorren o 28 de maio 7 candidaturas á Alcaldía. Este concello, gobernado polo PSdeG, conta actualmente ademais con edís do PP e Espazo Común. Aliás, hai lista do BNG, Democracia Ourensá, Compromiso por Galicia, Xente Independente de Amoeiro, Vox e Volt España, un partido "paneuropeo" a nivel estatal que recala nas municipais en Amoeiro.

Avión é outro dos casos curiosos de candidaturas nestas municipais. Ten 1.770 habitantes, e tres partidos na súa actual corporación: PP, PSdeG e Compromiso por Galicia. Pois ben, o 28 de maio a veciñanza ten ademais a papeleta do ultraespañolismo e dunha nova formación, Novos Aires por Avión, o cabeza de lista é monitor deportivo do concello e xa denunciou o alcalde actual (PP) porque asegura que desde que presentou a súa candidatura foi apartado do seu posto de traballo.

O concello de Ourense, sumido xa nunha voráxine política arredor do seu polémico alcalde, Gonzalo Pérez Xácome (DO), minora en número as 15 candidaturas que concorreron na cidade en 2019, rebaixa a cifra neste 2023 a un total de 10, pero o panorama segue a ser complexo politicamente. Ademais de PP, PSdeG, BNG, DO e Cs, en Ourense hai lista de Vox, da Coalición de Centro Democrático (que integran dous ex concelleiros do actual alcalde) e outras tres iniciativas cidadás. Dun lado Contigo Somos Democracia, que asegura non identificarse con ningún partido e estar dispostos a pactar con todos e se supón apoiada por Vox e DO; Agora Ourense concorre con seus formacións dentro coma EU, Podemos ou Recortes 0; e remata a oferta electoral Vivir Ourense (VOU) auspiciada por un empresario local que xa concorreu en 2019 co obxectivo de aprobar o PXOM e os orzamentos municipais.

Tormentas políticas nas comarcas

Os Gobernos saíntes das municipais de 2019 deixaron terreo aboado para as tormentas políticas. Nas comarcas hai 21 Alcaldías do PP, 9 do PSdeG e a de DO na cidade das Burgas. Nesta urbe, o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome (DO), accedeu á Alcaldía grazas a un pacto non escrito con Manuel Baltar para este presidir a Deputación. Aínda que despois Xácome rompeu o pacto municipal co PP, os populares non accederon a posibilitar unha moción de censura.

En Castrelo de Miño logrou en 2019 a Alcaldía Esteban Suárez (BNG), pero en 2020 dous tránsfugas do PSdeG apoiaron unha moción de censura que deu a Alcaldía a Avelino Pazos (PP). En Ribadavia era o PP o que gobernaba en minoría e en 2021 unha moción de censura desaloxouno do poder e converteu en alcaldesa Noelia Rodríguez (PSdeG) co apoio de Ribeiro en Común.


Os Concellos sitúan os retos na industria e nos servizos

En conversa con Nós Diario, o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor (PP), detalla os datos que converten este concello en motor económico, de incremento de poboación e de prestación de servizos en toda a comarca. Ademais da ampliación do polígono, o rexedor destaca o futuro Parque Acuático de Monterrei, cun investimento de 10 millóns de euros e a previsión de apertura parcial este mesmo verán, como consolidación da zona a nivel turístico e de servizos, algo reforzado pola volta do Pereiro ao Consorcio da Ribeira Sacra.

“Temos o obxectivo no vindeiro mandato de chegar aos 7.000 veciños”, asegura o alcalde dun concello que medra en 100 habitantes ao ano. “Somos un concello dinámico e en crecemento, que non só ofrece emprego senón servizos e orgullo”.

Os servizos son no Pereiro de Aguiar parte do segredo do aumento poboacional, pero queren máis e reclaman ampliar a sanidade pública en quenda de tarde e con novas especialidades médicas e en materia de educación. Sinala o rexedor que os 900 nenos e nenas escolarizadas no concello precisan no vindeiro mandato que a Xunta da Galiza implante os ciclos de Secundaria e Bacharelato, de modo que se complete a oferta educativa desde a escola infantil até o paso aos estudos superiores. Ademais a conciliación, as axudas familiares e os servizos aos maiores son puntais para vertebrar o municipio.

O rexedor do Carballiño, Francisco Fumega (PSdeG), sitúa na industria, o comercio e os servizos as liñas fundamentais no seu municipio, ademais da importancia na zona do polbo e as polbeiras, que xa son “un bo motor económico” municipal. De cara ao vindeiro mandato, O Carballiño precisa dinamizar o seu comercio local, mellorar servizos como a sanidade pública, pola falla de profesionais en especialidades como a xinecoloxía, un plan de sostibilidade turística que aumente o peso deste sector na economía municipal e desenvolver o interese da Zona Franca de Vigo no empresariado local.

Paula Rodríguez (Ribeiro en Común), tenente alcaldesa de Ribadavia, explica a Nós Diario a situación e necesidades do seu concello. En Ribadavia precisan mellorar servizos públicos como a sanidade e a educación con urxencia.

“Aquí sempre nos falta financiamento da Deputación e da Xunta”. No centro de saúde “as ambulancias teñen que entrar e saír marcha atrás” e tamén sofren falta de persoal en servizos tan básicos coma pediatría e psiquiatría.

Ademais de cara ao vindeiro mandato, Ribeiro en Común conta con proxectos para mellorar as instalación deportivas locais e o comercio. A seca na zona fai tamén urxente “que Augas da Galiza mellore a rede de abastecemento”.

Comentarios