Parlamento

O conselleiro minimiza a folga no ensino e di que a Galiza está "na vangarda" educativa

O BNG insta Román Rodríguez a "non dividir" o profesorado.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, minimizou esta cuarta feira o seguimento da folga no ensino desta terza feira —que segundo os sindicatos convocantes, CIG, STEG e CSIF, alcanzou 60%— e defendeu, fronte ás críticas, que o sistema educativo na Galiza "está na vangarda".

Rodríguez realizou estas declaracións en resposta a unha interpelación da deputada do BNG Cristina Fernández, que o instaba a sentar de novo cos sindicatos e a non deixar pasar unha oportunidade para mellorar a calidade da educación.

A nacionalista cualificou de "vergoñento" o acordo para a mellora do sistema educativo asinado entre a Xunta da Galiza e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT, un documento que foi defendido polo conselleiro de Educación, quen cargou contra o BNG acusándoo de ter "pouco respecto" polas entidades asinantes.

Para a deputada, trátase dun "paso" que "non cumpre nin sequera os mínimos que se expuñan nas reunións" e que, no ámbito do apoio aos docentes e os complementos, "beneficiará só uns poucos".
Rodríguez insistiu en que a Galiza "ten un dos mellores sistemas educativos, homologábeis ás rexións máis avanzadas de Europa".

Fernández criticou todo o que queda sen resolver no documento “para negociar en diferido”, e fixo un repaso do que reclaman os sindicatos e o que asumiu a Consellería. Así, apuntou que mentres o profesorado pedía a diminución de ratios de 25 a 21 alumnos en Primaria e de 21 a 18 en Secundaria, o documento só recolle 23 nas primeiras etapas “e o resto [en relación ás horas lectivas] negociarase cando se rebaixe 35 horas a horario do persoal da Xunta, que pode ser dentro de 20 anos”.

Comentarios