Ortuzar (PNV) sitúa as eleccións galegas en febreiro e afasta unha coincidencia coas vascas

O líder do Partido Nacionalista Vasco afirma que se até agora houbo coincidencia na data dos comicios foi porque así o pedían “os galegos”.

andoni ortuzar pnv
photo_camera Ortuzar nun momento da entrevista (Foto: Radio Euskadi)

O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, dá por feito que as eleccións decorrerán antes na Galiza que en Euskadi, rachando así a tendencia das catro últimas convocatorias de ter lugar ambas as dúas no mesmo día.

Ortuzar afirmou hoxe nunha entrevista en Radio Euskadi que "foron os galegos os que sempre chamaron ao lehendakari para ver se se podían coordinar as datas" electorais en ambos os dous territorios, aínda que agora parece que non queren que coincidan coas de Euskadi "porque queren galeguizar as eleccións".

Ortuzar mesmo apunta a que “hai unhas eleccións galegas por aí que parece que van ir a fume de carozo”, e preguntado por se as eleccións vascas serán “unha segunda volta das eleccións estatais”, puntualizou que antes chegarán “unhas galegas que parece que poden ser en febreiro”.

“Adoitaban coincidir máis por interese galego que noso, foron eles sempre os que chamaron ao lehendakari para ver se se podían coordinar as datas. Agora parece que é ao contrario, que non queren, porque queren galeguizar as eleccións”, reiterou.

O dirixente jelkide considera que Urkullu, que ten a prerrogativa de convocar as eleccións vascas, tomará a decisión máis acertada, e indicou que poden ser desde marzo até xuño. Ademais, dixo que na Galiza os comicios parece que van rápido, aínda que adoitaban "coincidir coas vascas".

Por outra parte, afirmou que a formación jeltzale "non prescindiu" de Iñigo Urkullu, senón que houbo "unha substitución" para dúas ou tres lexislaturas coa proposta do deputado foral Imanol Pradales como candidato a lehendakari.

Comentarios