A oposición aplaude a Valedoría por testemuñar o "deterioro" dos servizos

O BNG e o PSdeG piden á Xunta que "tome nota".
Sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A oposición afirmou esta terza feira que a memoria anual presentada pola valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, dálle a razón nas críticas e denuncias sobre a "deterioración" dos servizos públicos na Galiza.

O viceportavoz nacionalista na Cámara galega, Luís Bará explicou que, a falta dunha análise exhaustiva do documento, é importante pór o foco na súa advertencia sobre a mingua das políticas sociais.

Así, lembrou que a memoria do Consello Económico e Social (CES) correspondente a 2022 avisa de que "a Galiza está nas últimas posicións do Estado en investimentos per cápita en xeral en políticas sociais, tanto en sanidade como en educación e, especialmente, nas políticas que teñen que ver coa dependencia e a discapacidade".

O deputado nacionalista sostivo que este feito afecta especialmente as familias con menos recursos, que están en situación de risco de exclusión e pobreza. 

Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, advertiu de que am memoria da Valedoría evidencia unha "deterioración" na prestación dos servizos públicos, especialmente no relativo á falta de atención presencial nas unidades administrativas da Xunta e tamén no relacionado coa prestación de servizos sociais.

Por iso, considerou que chama a atención que a conselleira de Política Social, Fabiola García, vaia comparecer no pleno que acollerá o Parlamento galego a próxima semana para falar sobre as escolas infantís xa iniciado o curso escolar "cando o seu sería que falase de cal é a situación de abandono" das persoas maiores na Galiza.

"Non hai persoal suficiente para valorar o seu grao de dependencia, non hai prazas suficientes para atender ás persoas dependentes nin en residencias nin en centros de día", dixo.

Ante estas críticas, o portavoz do PP no Pazo do Hórreo, Alberto Pazos, destacou que o texto "recoñece os esforzos da Xunta nesta materia" e dixo que o Partido Popular "sempre escoita con enorme interese" as achegas da valedora.

Comentarios