‘Open the border’: os concellos da raia exixen compensacións polas perdas xeradas polo fechamento de fronteiras

 

Alcaldes e alcaldesas galegas e portuguesas protestaron de novo hoxe –por separado ao impedir a GNR e a Garda Civil un acto simbólico conxunto- para criticar “o maltrato de Madrid e Lisboa”

open the border
photo_camera (Foto: Rafa Estévez)

Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ (Abride a frontera) no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira alcaldes e alcaldesas dos 26 concellos que fan parte do territorio do Miño quixeron  chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir esta área, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra beira, polo pechamento da fronteira.

O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustíbel nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença).

Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo , a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

Destacou tamén que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”. “Este é  un momento axeitado, hai que habilitar partidas específicas para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico foi maior, garantindo que os fondos se destinan ás zonas de raia e non se deturpen”, dixo, criticando que nestes momentos case toda Galiza e todo Portugal menos a zona de Lisboa teña dereito a acceder a eses fondos a pesares de non estar na ‘raia’.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga as persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “

Tamén subliñou que resulta “lamentábel” esta situación porque “este erro” xa se cometeu o ano pasado durante o anterior pechamento de fronteiras.

Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do Agrupamento e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para ter o refrendo e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Comentarios