Alcaldes da 'raia', "indignados" por se repetir o "erro" do feche da fronteira, esixen abrir máis pasos

Advirten de que máis unha vez vólvese "penalizar" traballadores, empresas e actividade comercial, "xa duramente castigada".

Escenificación da protesta de hoxe. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Escenificación da protesta de hoxe. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Varios alcaldes e alcaldesas de concellos transfronteirizos do sur da Galiza e do norte de Portugal concentráronse hoxe no paso fronteirizo da ponte 'vella' que une Tui e Valença para mostrar o seu rexeitamento polo feche da maioría de pasos entre ambos os territorios, e expresaron a súa "indignación" porque os Gobernos español e portugués cometeron "exactamente o mesmo erro" que durante o primeiro estado de alarma, cando tamén se decretou o fechamento de fronteiras pola pandemia.

O  vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Ríonh, Uxío Benítez, trasladou o malestar dos alcaldes destes 26 municipios (16 galegos e 10 portugueses), onde viven unhas 400.000 persoas, pola decisión adoptada por Madrid e Lisboa.

Para Benítez "é un escándalo" que, tras o feche de fronteiras do primeiro estado de alarma, que concluíu a mediados de xuño de 2020, os Gobernos "volven cometer exactamente o mesmo erro". Naquel momento, os alcaldes protagonizaron concentracións en varios pasos fronteirizos para reclamar a apertura e trasladaron aos Executivos de ambos os países a realidade deste espazo transfronteirizo.

Segundo lembrou, polas diferentes pontes destes 70 quilómetros de fronteira pasa a metade de todo o tráfico que se move nos máis de 2.000 quilómetros de fronteira terrestre entre Estado español e Portugal. "É unha fronteira dinámica, con moita relación laboral, económica e empresarial, hai moita mobilidade", engadiu o  vicedirector da AECT.

Benítez apuntou que o feito de deixar un único paso aberto as 24 horas todos os días (o de Tui-Valença pola autovía A-55) supón para os traballadores transfronteirizos dar rodeos de decenas de quilómetros. Todo, denunciou, "por non poñer patrullas de Garda Civil, por economizar ese gasto, e trasládanllo aos traballadores".

Precisou que os responsábeis municipais non se opoñen a que haxa controis sanitarios, xa que son conscientes da gravidade da pandemia, pero pediu aos gobernos que "reconsideren" o peche da maioría de pasos, e advertiu de que a AECT Río Minho seguirá coas mobilizacións.

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, apelou á "sensibilidade" dos gobernos español e portugués para que "cambien radicalmente a súa política de peche de fronteiras". Segundo lembrou, o feche "está a penalizar aos traballadores, empresas e á actividade comercial, xa duramente castigada". 

Na mesma liña, o presidente da Cámara Municipal de Valença, Manuel  Rodrígues, subliñou que o feche de fronteiras non deixa de ser unha medida "simbólica", xa que, a pesar das restricións, "agora non pasan menos persoas, pasan as mesmas", que son traballadores e transportistas debidamente acreditados.

A diferenza, subliñou, é que agora fan centos de quilómetros a maiores, o que se traduce a final de mes nuns gastos de tempo e combustible que afectan os petos deses traballadores.

Comentarios