O PPdG volve propor a redución de deputad@s para aumentar a súa presenza no Parlamento

Todas as forzas da oposición que teñen representación na Cámara rexeitan esta iniciativa, que tildan de "manobra" da dereita. Rebaixar os escanos de 75 a 61, se ben non beneficiaría sempre o PPdG, non o prexudicaría nunca

Alfonso Rueda e Núñez Feijóo na Cámara
photo_camera Rueda e Feijóo na Cámara


As forzas políticas con representación parlamentar recibiron nesta segunda feira, 13 de maio, unha carta do PPdG asinada por Pedro Puy convidándoos "a iniciar nunha data a concretar un proceso de debate" ao redor da reforma da Lei 8/1985, de eleccións ao Parlamento galego, que se traducirá na práctica na supresión de deputad@s até o número impar máis baixo permitido polo Estatuto: de 75 a 61. 

Nunha nova de imprensa redactada en castelán, a formación conservadora apela á súa maioría eleitoral (que non social, pois recibiron unicamente un de cada catro votos) conquerida nos comicios do 21 de outubro de 2012 para recuperar esta promesa contemplada no seu programa e sinala que "acudiremos ao debate sen apriorismos" e "coa máxima capacidade para alcanzar acordos".

Porén, rachando con esa vontade de acordo, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, deixou claro que non é "nin razoábel nin entendíbel" que a oposición cuestione a reforma que pretende o PP, considerándoa "unha manobra" da dereita para ter máis peso na Cámara. A tentación no PP galego de recortar no Parlamento chegou a raíz da proposta de Esperanza Aguirre, que quería recortar a Asamblea de Madrid de 129 a 65 deputad@s. 

Fraga xa subira a barreira eleitoral do 3% ao 5%

Lonxe de meter tesoura nas catro deputacións e n@s 108 deputad@s provinciais, o PP centrouse na Cámara e no intervalo de 60 e 80 representantes que estabelece o Estatuto. Abonda cunha reforma da lei eleitoral para baixar de 75 a 61 deputad@s. En teoría, esta reforma debe facerse por consenso. Porén, Pedro Puy xa anunciou que non será así: farase con ou sen acordo, e o PP ten precedentes.

En 1992 Fraga aumentou, de maneira unilateral e sen apoio do resto de forzas parlamentares, a barreira do 3% ao 5% para entrar no Parlamento. Se ben a redución de parlamentares non beneficiaría sempre ao PP, pois en 2005 terían perdido igual o Goberno, en ningún caso prexudicaría á formación conservadora.

Unha "manobra antidemocrática" que camiña cara ao Parlamento "de partido único"

A oposición ve o que vén enriba e pecha filas: nin BNG, nin AGE nin PSdG están de acordo co que suporá unha involución aínda meirande da representatividade parlamentaria. Así as cousas, o voceiro da formación frontista na Cámara galega, Francisco Jorquera, mostrou a súa "oposición rotunda", facendo fincapé na supresión dos entes provinciais ou da circunscrición única para apostar por unha presenza das forzas no hemiciclo que veña da "proporción pura" de votos. A iniciativa do PPdG é para Jorquera "antidemocrática" e unha cortina de fume "para que non se fale nin da venda do País por parcelas nin da relación de Feijóo co narcotraficante Dorado". 

En termos semellantes pronunciouse Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, ao sinalar que a teima da formación que lidera Feijóo é "amoldar o máis posíbel" a lei eleitoral aos resultados da dereita "perante unha tendencia de desgaste polas amizades perigosas con narcotraficantes". Tamén en contra "dun modelo de partido único" cara ao cal camiñaría a lei de se acometer a redución de deputad@s, Díaz criticou tamén que "se as razóns son de aforro", tal e como proclama o PPdG, "por que non meten man nas deputacións?"

O debate que quere abrir a forza que conta con maioría na Cámara non obterá tampouco co visto e prace do PSdG. O seu voceiro parlamentar, Abel Losada, censurou os "tics autoritarios que lle aparecen ao PP cando está no Goberno" e subliñou o interese en aumentar a representación de Ourense e Lugo, xustamente os territorios da Galiza onde a dereita colleita máis votos. Fronte á idea d@s conservador@s, Losada falou de recortar no soldo d@s parlamentari@s e enfatizou que reducir o número de escanos suporá "menos capacidade de acción" para controlar as políticas do Goberno galego.

Comentarios