O PP reducirá este ano o número de deputad@s do Parlamento

Alberto Núñez Feijóo recupera unha proposta anunciada na pasada lexislatura. Reducir de 75 a 61 o número de parlamentares. Desde o PP apelan á redución do gasto insitucional mais a oposición avanza que se oporá frontalmente.

A medida xa fora proposta na pasada lexislatura. O Partido Popular reducirá 14 o número de deputad@s que actualmente compoñen a Cámara en aras de "cumprir co programa electoral" que, din, "foi ratificado nas urnas" o pasado 21 de outubro. A reforma, que non exixiría unha modificación estatutaria por se atopar a redución na forquita contemplada polo texto, si abranguería unha modificación da Lei electoral "na procura dunha maior transparencia e racionalidade", aseguran @s populares. A redución dos días de campaña electoral e a prohibición de concorrer ás eleccións a aquelas persoas que defrauden o fisco ou a Seguridade Social, podería completar a proposta. 

A oposición denuncia unha cortina de fume para desviar a atención do escándalo das fotografías co narco Marcial Dorado 

Segundo a oposición, a iniciativa volve ao debate político como "unha cortina de fume" para desviar a atención do escándalo provocado polas fotos co narcotraficante Marcial Dorado. Neste senso, anuncian que se oporán frontalmente á medida, malia que o executivo chama "ao consenso". 

Se desde o PP manteñen a mesma idea lanzada en xullo de 2012, as mudanzas introducidas na composición do arco parlamentar blindarían as circunscricións de Lugo e Ourense --tradicionalmente conservadoras-- con 10 deputad@s véndose minguada a representación das dúas provincias máis poboadas e onde o PP goza de maiores dificultades para obter representación, A Coruña e Pontevedra. Aliás, a medida paliaría a perda de apoios que sofren @s populares (130.000 votos menos nas pasadas eleccións) ao tempo que dificultaría a unha oposición cada vez máis fragmentada a obtención de representación. 

BNG, AGE e PSdeG ven na reforma da Cámara unha medida "populista". Rexeitan o "falso argumento da austeridade" e chaman a acometer unha reforma da lei electoral que mellore a representación da cidadanía na Cámara e achegue a institución á cidadanía en troca de "atacar a pluralidade". 

Comentarios