O PP declárase "totalmente de acordo" co veto imposto no Parlamento

O secretario xeral d@s conservador@s, Alfonso Rueda, cualificou de "razoábel" que se impida o acceso da cidadanía aos plenos "para evitar escenas", en referencia ás protestas de colectivos como o de afectad@s polas preferentes
photo_camera Alfonso Rueda [SG]


O PP, única forza política con representación parlamentar que non abrira a boca aínda respecto da decisión da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, de limitar o acceso da cidadanía aos plenos, pronunciouse esta fin de semana.

Fíxoo a través do seu secretario xeral, Alfonso Rueda, quen se manifestou "totalmente de acordo" co veto.

Así as cousas, o tamén vicepresidente da Xunta considerou que a orde en virtude da cal Rojo xestionará ela propia quen entra e quen non no Parlamento "é razoábel" pois, ao seu entender, cómpre "evitar escenas".

Estas "escenas", as mesmas que a propia presidenta da Cámara cualificou como "espectáculos lamentábeis", fan referencia ás mostras de rexeitamento que colectivos cidadáns como @s afectad@s pola estafa das preferentes decidiron transladar ao hemiciclo.

O veto, que foi rexeitado con rotundidade polas tres forzas da oposición (PSOE, AGE e BNG), chega en vésperas do pleno do 29 de xaneiro, en que se debaterá o anteproxecto dos orzamentos e iniciativa do PP en que reclama unha condena institucional "contra o terrorismo en xeral e contra Resistencia Galega en particular".

A oposición cargou tamén contra este último punto, ao considerar que a formación conservadora está a usar "un problema inexistente" para tapar "a corrupción".

Comentarios