MUNICIPAL

O PP da Coruña gastou en abril 2.484€ en traxes para os condutores dos carros oficiais

O BNG revela a ''falta de rigor e sentido común'' do rexedor, Carlos Negreira, por facer ese investimento nas roupas só unhas semanas antes de abrir a poxa pública do parque móbil da Corporación, e denuncian que ''tiña previsto'' desfacerse destes carros ''desde xaneiro''

O Concello da Coruña gastou 2.484 euros na compra de dous traxes de verán e outros dous de inverno para os condutores da alcaldía. Denunciouno esta cuarta feira o BNG por boca da concelleira Ermitas Valencia, que arremeteu contra o Goberno que encabeza Carlos Negreira --PP-- pola falta de "rigor" e de "sentido común" á hora de acumular unha factura por este montante, malia a poxa dos carros oficiais que tiña a disposición a corporación municipal.

As roupas para estas dúas persoas foron adquiridas o 17 de abril, segundo os datos achegados pol@s nacionalistas da Coruña, que fan fincapé no feito de que poucos días despois, o 4 de maio, abriuse o prazo para participar na subasta pública dos sete carros oficiais. Alén disto, "o prego de cláusulas administrativas foron redactadas o 13 de abril deste ano, mentres que as cláusulas técnicas datan de xaneiro de 2012", explicou Valencia. Un simple repaso polas datas permite constatar que "malia ter previsto desfacerse do parque móbil da Corporación desde xaneiro", o PP decidiu facer o investimento de case 2.500 euros nos traxes.

"E chama tamén a atención que o gasto nestes traxes novos cando o Sr. Negreira vén machacando desde o verán con que non vai querer condutores nin coches oficiais dentro da propaganda e do circo mediático en que o PP converteu estes 11 meses de Goberno" e, nas preguntas remitidas para resposta escrita ao Goberno municipal, a concelleira nacionalista fixo especial fincapé nas razóns que levaron a Negreira a mercar roupa nova para persoal que aos poucos días foron trasladados a outros servizos municipais "e sabendo desde xaneiro que eliminaría o parque móbil".

Comentarios