O Pleno do Parlamento debaterá as ILP de sanidade e Preescolar na casa

Após seis meses vetadas as Iniciativas Lexislativas Populares achegadas por SOS Sanidade Pública e a plataforma Pre-escolar na Casa, serán debatidas no primeiro Pleno da lexislatura. Así o anunciou o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera após a Xunta de Portavoces desenvolvida esta segunda feira.
Manifestación SOS Sanidade Pública
photo_camera Manifestación SOS Sanidade Pública

Presentadas as sinaturas que exixe a lei (15.000) hai seis meses, as Iniciativas Lexislativas Populares achegadas polas plataformas cidadás SOS Sanidade Pública e Pre-escolar na Casa serán levadas á Cámara na primeira sesión plenaria da lexislatura. A Mesa parlamentar --con maioría do Partido Popular-- vetara a súa tramitación durante o anterior curso político, malia a insistencia do Bloque Nacionalista Galego que exixía a súa tramitación. Mesmo chegaran @s nacionalistas a se rebelaren contra o proceder do órgano reitor da Cámara impedindo que a sesión do Pleno transcorrese con normalidade, após negárenselle en reiteradas ocasións a introdución de puntos na orde do día --nomeadamente o debate das devanditas ILP.

As ILP foron vetadas pola Mesa parlamentar en xuño, após seis meses serán debatidas no Pleno 

No BNG denunciaban que o grupo popular --maioritario na Cámara-- "non quere escoitar o que ten que dicir a xente e prefire menoscabar a democracia", aseveraba naquela altura a voceira do grupo nacionalista, Ana Pontón. Porén, medio ano despois de seren vetadas, as ILP serán debatidas no primeiro pleno --a proposta do BNG, cuestión da cal se congratulaba Francisco Jorquera, no entando, o voceiro nacionalista aseveraba que "o apoio ao debate destas iniciativas non pode servir de coartada para cubrir a súa cota de respecto ao pluralismo".

Jorquera denuncia que o PP aprobase as comparecencias na comisión de investigación "a convenencia do goberno"

Así as cousas, o Partido Popular amosou esta segunda feira que a súa conduta no Parlamento será firme, ao igual que a pasada lexislatura. Neste sentido, a Xunta de Portavoces aprobou a constitución da comisión de investigación a respecto da fusión da caixas, porén o Partido Popular aproveitou a súa maioría absoluta para denegar a comparecencia de membros do goberno na mesma, nomes que foran propostos polos grupos da oposición. Abel Losada, voceiro parlamentar do PSdeG denunciou a actitude d@s populares e asegurou que esta dá boa conta "do continuísmo derrotista do executivo de Feijóo", afirmou. Pola súa banda, desde o BNG denunciaron que "esta non é a mellor forma de comezar a lexislatura", pois entenden que a Xunta de Portavoces aprobou as comparecencias "a conveniencia do goberno".

Comentarios