O Novo Proxecto Común fai valer a súa presenza municipal

Teo, concello rexido por Martiño Noriega, dirixente do Encontro Irmandiño, foi o lugar elixido por concelleiros e concelleiras representantes de vinteseis entidades municipais vinculados a Máis Galiza, Encontro Irmandiño máis algún independente para facer patente a súa aposta por construir un “novo referente político”. Son a maior parte do grupo de cargos municipais elixidos polo BNG que abandonaron esta formación política conservando as súas actas.

Representantes de 26 concellos que abandonaron o BNG polo que foran elixidos xuntáronse hoxe sábado día 26 en Teo para faceren público o seu proxecto municipal, consistente, segundo sinalan en “modelos municipais participios, abertos, comprometidos e orgullosos de seu”.

Os cargos políticos locais vinculados agora ao NPG queren contribuír á “construción dun novo referente político”. Saídos do BNG consideran que teñen obriga de continuar nos cargos polos que foron elixidos nas listas da fronte nacionalista como “deber ético de seguir representando os veciños e veciñas que confiaron en nós nas pasadas eleccións municipais”. Aseguran nunha nota de prensa que teñen o “compromiso firme de defender as propostas” coas que foron elixidos.

Fronte á política do PP, apostan por exixir “políticas sociais activas, apoio aos nosos sectores produtivos locais, prestixiadas programacións culturais, melloras das nosas infraestructuras e servizos básicos, axuda ás actividades dos nosos tecidos asociativos e defensa das prestacións educativas e sanitarias dos nosos concellos”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios