O Concello de Vigo pecha filas en prol do indulto a David Reboredo

Sae adiante por unanimidade de todos os grupos municipais unha moción pola que presentarán máis unha petición se as xa remitidas polos colectivos sociais ao Executivo español e a El-Rei fosen denegadas. O vigués, que sufriu unha adicción ás drogas, está a día de hoxe completamente rehabilitado e traballaba como axente de saúde
photo_camera [Imaxe: SG]


O pleno do Concello de Vigo vén de aprobar por unanimidade unha moción en que se reclamaba o indulto para David Reboredo, veciño do barrio do Calvario, na cidade olívica, que ingresou no cárcere ao lle denegaren a extinción da pena. Reboredo, que sufriu unha adicción ás drogas, está a día de hoxe completamente rehabilitado e traballaba como axente de saúde, mediando entre os colectivos de axuda contra a drogodependencia e as persoas enfermas.

Así as cousas, a moción, que achegou o grupo municipal do BNG, inclúe un segundo punto en virtude do cal o propio Goberno vigués presentará outra petición de indulto no suposto de que as que xa lle foron enviadas ao Executivo español e a El-Rei viñesen, máis unha vez, denegadas.

A concelleira Iolanda Veloso recalcou que a entrada en prisión supuxo "partirlle a vida", e fixo fincapé en que cando se ditaron as dúas sentencias contra Reboredo, unha en 2006 e outra en 2009, aínda non fora aprobada a reforma do código penal (2010) que engadiu un novo subtipo atenuado ao artigo dedicado ao tráfico de drogas, para supostos de escasa gravidade. Porén, o vigués ingresou hai unhas semanas no centro penitenciario da Lama para cumplir unha condena de sete anos acusado de vender dúas papelinas de heroína. Entre as dúas suman 400 miligramos de substancia psicoactiva.

De se aplicar a norma penal de 2010 con carácter retroactivo --como se fai con todas as leis cando son favorábeis á persoas imputada ou condenada-- as penas impostas non terían superado os dous anos de prisión, polo que o ingreso efectivo podería substituírse por unha multa ou traballos á comunidade. Lembrou Veloso as razóns que xustifican o indulto: a escasa entidade do delito, a superación do proceso de deshabituación e o compromiso social do afectado.

Comentarios