O proceso contra Antolín Alcántara e Víctor García, visto para sentenza

Constatouse a obsesión do Ministerio Fiscal por conseguir a condena dos dous dirixentes da CIG que participaron na folga do Metal de 2007”, segundo o sindicato. Logo de sete horas de xuízo, a fiscal non rebaixou a petición de cinco anos de cadea, malia que a súa responsabilidade non quedou acreditada.

photo_camera A concentración da CIG á porta dos xulgados.

Varios centos de persoas concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas dos Xulgados vigueses para trasladarlles a súa solidariedade aos acusados. Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, e García, ex responsábel do Naval, accederon ás dependencias do Xulgado do Penal número 2 pasadas as 9.30.

 Sete horas despois, o xuízo quedaba visto para sentenza sen que a fiscal reducise a petición de cadea, que é de 2,6 anos para cada un deles por cada un dos dous delitos que se lles imputan, desordes públicos e danos, a pesar de que en ningún momento quedou constatada a súa participación nos feitos. Para a CIG isto demostra a “obsesión” do Ministerio Fiscal por criminalizar o movemento obreiro, en especial os dirixentes da CIG.

 Pola sala pasaron 20 testemuñas, entre policías, gardas xurados , ex responsábeis políticos e sindicalistas, e reproduciuse o contido das gravacións feitas polas cámaras de seguridade do edificio autonómico.

Integrantes da mesa de negociación

Tanto Alcántara como García explicaron que se atopaban no edificio para participar na mesa de negociación do convenio coa patronal e que en ningún momento a intención dos manifestantes foi acceder ao edificio da Xunta. “Estabamos a piques de chegar a un acordo e estaba claro que non nos interesaba que tiveses escusas para botarse atrás”, indicaron. Atribuíron o sucedido a que un pequeno grupo perdeu a paciencia ao saber que a xuntanza non ía ter lugar porque un representante da patronal se atopaba atrapado co seu coche nun atasco.

O único que quedou acreditado durante o xuízo foi que a cuantificación dos desperfectos fíxose sen o máis mínimo rigor (non existen facturas das reparacións nin se desglosaron os conceptos que sumaban 30.000 euros), polo que a fiscalía non tivo máis remedio que rebaixar a petición de indemnización a 6.000 euros. Con todo, a letrada da Xunta non accedeu a modificar a súa petición.

Xunto a Alcántara e García sentaba no banco dos acusados un traballador do sector naval que tamén foi acusado pola Policía española de retirar unha bandeira española do edificio da Xunta e “tirar e queimar contenedores pola rúa”. 

Alcántara explicou que “durante o xuízo quedou perfectamente claro que este proceso é unha persecución a dous sindicalistas; pretenden darlle un golpe de graza ao movemento obreiro nun momento tan duro para que non haxa contestación social”. Neste senso, asegurou que “comezaremos a crer nesta Xustiza se, no caso de ter que ir a prisión, nos acompañasen persoas como Rodrigo Rato ou o presidente do BBVA”.

 Reaccións

 O secretario comarcal da central nacionalista en Vigo. Serafín Otero incidiu en que “a actitude da Fiscalía supón un ataque ao sindicalismo e á democracia xa que quedou perfectamente evidenciado que non existe nada contra eles”, polo que se amosou convencido de que “se tiveran dignidade retirarían todos os cargos”.

“Estamos no mundo ao revés. Xúlgase a sindicalistas por defenderen os dereitos das traballadoras e traballadores mentres os responsábeis da desfeita, os que provocaron o paro de millóns de persoas e o descenso dos salarios, están tranquilamente na casa despois de cobraren indeminacións multimillonarias”, denunciou o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, nun encontro cos medios de comunicación previo ao xuízo. 

Para Vázquez, a sociedade vive unha “onda represiva xeral”, que vai a máis canto máis se agrava “a incompetencia dos gobernos fronte á crise”. “Non podemos continuar pola vía de que se reprima a quen defender os dereitos dos traballadores”. Xunto co voceiro nacional, estiveron a secretaria de organización Montse Prado, o deputado no Parlamento Henrique Viéitez, o portavoz do grupo municipal nacionalista, Santi Domínguez, e a responsábel comarcal, Manuela Rodríguez.

Comentarios