O BNG solicita un pleno plural no Parlamento

A voceira parlamentar do BNG, Ana Pontón, enviou esta quinta unha carta @s voceir@s parlamentares á fin de celebrar unha sesión extraordinaria cunha orde do día consensuada.  

photo_camera Ana Pontón, voceira parlamentar do BNG

A maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento galego foi empregada na sesión extraordinaria do pasado día tres, para impedir que a orde do día reflictise a pluralidade e soberanía do pobo galego, ao evitar cos seus votos a introdución dos temas propostos polos grupos da oposición.

Neste senso, e amparándose no propio Regulamento da Cámara, a voceira nacionalista instou aos demais grupos políticos a celebrar máis unha sesión na que a orde do día sexa resultado do consenso de todos eles. Ana Pontón, lembrou na misiva que neste momento “hai asuntos clave para Galiza que deben ser abordados polo Parlamento” respectando as regras de xogo e a pluralidade da Cámara, e apuntou directamente á creación dunha comisión de investigación sobre a xestión realizada no proceso de bancarización das extintas caixas, cuxa constitución, dixo, non se pode “demorar máis”.

Así mesmo, a voceira do BNG, lembrou na súa misiva a existencia de dúas Iniciativas Lexislativas Populares -ILP, “pendentes de debate”, en referencia ás achegadas polas plataformas Preescolar na Casa e SOS Sanidade Pública; para alén dos novos recortes anunciados que “atacan dereitos sociais e o noso marco do autogoberno”.

Por estes motivos, Ana Pontón e o grupo parlamentar do BNG, instaron ás demais forzas políticas con representación parlamentar a convocar unha sesión plenaria con urxencia, cunha orde do día “que inclúa estes asuntos e reflicta a pluralidade que existe no Parlamento de Galiza”.

Comentarios