PORÁ EN CUESTIÓN A PROPOSTA DE ARBITRAXE DA XUNTA

O BNG leva as preferentes á Eurocámara

Pediralle á Comisión Europea que ditamine se o proceso de compravenda das participacións preferentes cumpriu a normativa en materia de produtos financeiros en vigor na UE.

 

photo_camera Reunión do BNG coas plataformas de afectad@s.

Após unha reunión en Vigo con representantes de afectados de toda a Galiza, a eurodeputada Ana Miranda, o deputado Henrique Vieitez e o voceiro municipal nacionalista en Vigo, Santi Domínguez, indicaron que presentarán unha iniciativa parlamentar á Eurocámara, que tamén demandará ao Executivo europeo que concrete que medidas adoptar para garantir que as persoas afectadas (100.000 en toda Galiza, 43.000 no caso de NovaGalicia Banco), recuperen os aforros.

O Bloque cualificou de “inadmisíbel” que a Xunta lle presente á Comisión a arbitraxe, unha proposta que non garante a devolución íntegra dos depósitos. “É impropio dun Goberno ir a Bruxelas defender unha fórmula que non defende os intereses dos galegos e galegas afectados, senón das entidades financeiras”, denunciou Miranda. Pregúntalle ao Executivo da Xunta que aclare en que consiste esa arbitraxe., agardando “que non consista en que os afectados renuncien a parte dos seus cartos ou que os troquen por outros produtos financeiros de dubidosa rendibilidade”

Tamén solicita que se pronuncie a respecto de que NovaGalicia Banco reciba millóns de euros públicos a través do FROB sen que, en troca, se exixa como contrapartida garantías para os depositarios, e tamén ante o feito de que un Estado membro, como España, anuncie o rescate dunha entidade como Bankia, cun desembolso de recursos públicos cifrado en 20.000 millóns de euros, mentres é incapaz de dar unha solución política para os afectados pola compravenda das participacións preferentes.

O BNG considera que tanto a Xunta, así como os organismos de control, -Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores-, fixeron “deixación de funcións” no caso da compravenda de participacións preferentes. “Nin foron quen de garantir que os aforradores tivesen a información necesaria e con transparencia para non ser enganados”, denunciou Viéitez. Transmitiulles tamén ás plataformas de persoas afectadas que seguirá coa súa ofensiva política en todas as institucións que foren necesarias para que puideren recuperar os depósitos.

Comentarios