O BNG desmente que apoie os imputados do "caso paneis" como afirmaron varios medios

A fronte nacionalista cualifica de “manipulación” as informacións recollidas por diversos medios de comunicación en que se sinalaba que os representantes do Bloque participaron nunha concentración en apoio a Alexandre Sánchez Vidal e Andrés García Mata.


O BNG vén de emitir un comunicado ondee aclara as informacións recollidas por diversos medios de comunicación en relación a causa xudicial aberta contra --entre outros-- os ex-concelleiros de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal e Andrés García Mata, e o ex-director xeral de turismo David Cortón, polo denominado “caso dos paneis”. A fronte nacionalista clarifica que ningunha das persoas encausadas militan na fronte nacionalista.

Asemade desmenten que o BNG participase de ningunha concentración no seu apoio, como se afirmou por varios medios entre eles LVG. Acto que pola contra si contou coa presenza de membros de Compromiso por Galicia, organización cuxos candidatos veñen de asinar ante o notario o seu compromiso de dimitiren no caso de seren imputad@s por algún delito.

Desde o Bloque consideran que a difusión de informacións en que se apuntaba o contrario constitúe un acto de “manipulación informativa” polo que reclamaron a rectificación destas.

O proceso xudicial que investiga unha presunta trama de favores arredor da concesión dos paneis informativos da cidade das Burgas provocou naquela altura a dimisión de Sánchez Vidal como tenente de alcalde. Asemade, García Mata foi rexeitado pola asemblea local da organización nacionalista cando optou a ser o seu candidato á alcaldía de Ourense, apostando en troques pola actual portavoz municipal, Isabel Pérez.

Comentarios