O BNG da Coruña insiste en que non se axude ás touradas

Os nacionalistas lembran que sempre votaron en contra das axudas públicas á feira taurina cando estaban no goberno
Tourada

O Grupo Municipal do BNG insiste na súa postura contraria ao financiamento público das touradas. Os nacionalistas consideran que o Goberno local non debería destinar nin un só euro para a feira taurina, nin axudas directas, nin pola porta de atrás, como prevé facer agora o PP.
O BNG salienta que, segundo o concurso público para a organización das touradas, o Concello terá que pagar a instalación e a ornamentación da praza, ademais do acondicionamento das distintas zonas e os recheos de area. Tamén se destinarán cartos públicos á limpeza do Coliseum –que lle será cedido de balde á empresa–, a desratización e mais o persoal de mantaxe. Mentres que a compañía gañadora do concurso só terá que pagar un canon de 2.500 euros, o Concello tería que pagar 50.000 euros, segundo as estimacións do colectivo Galiza Mellor Sen Touradas.


Sempre contra a feira taurina
No que ten a ver coas acusacións da concelleira de Cultura, o Grupo Municipal do BNG lembra que os nacionalistas sempre votaron en contra das axudas públicas á Feira Taurina no padroado do IMCE. De aí que lle pidan rigor á Sra. Fernández.
Ademais, o BNG da Coruña recolleu no programa co que concorreu ás eleccións municipais un apartado específico de protección aos animais, froito de diversas reunións con colectivos animalistas. Esta sección incluía a fin das axudas públicas ás touradas na Coruña. E é que o BNG considera que non se pode permitir que cos cartos de todos e todas as cidadás se paguen corridas de touros, máxime en tempos de graves recortes nos servizos sociais.

Comentarios