O Parlamento retomará a súa actividade entre críticas por un inicio "caótico" do curso escolar

A oposición preguntará tamén polas consecuencias do "desmantelamento" da sanidade pública e pola xestión da maior vaga de incendios dos últimos anos.
A Xunta de Portavoces reuniuse na Cámara nesta terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera A Xunta de Portavoces reuniuse na Cámara nesta terza feira. (Foto: Europa Press)

A comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre o inicio do curso escolar e a aprobación do plan estratéxico da Galiza 2022-2030 centrarán o primeiro pleno do Parlamento galego no novo período de sesións. Nesta sesión plenaria, que decorrerá os días 13 e 14 de setembro, o BNG cuestionará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre medidas para paliar a inflación "desbocada", mentres que o PSdeG preguntará a respecto do comezo do curso escolar.

O Bloque reclamou unha comparecencia monográfica de Alfonso Rueda sobre a inflación e a crise económica, mais a maioría popular rexeitou esta petición. A viceportavoz do grupo nacionalista, Olalla Rodil, acusou o titular do Executivo de que "prefire agocharse antes que dar a cara" fronte a unha situación "crítica".

Por outra parte, a xunta de portavoces, decorrida nesta terza feira, acordou suprimir os biombos que foran colocados no Hemiciclo como medida antiCovid. Con todo, prorrógase durante un mes o voto delegado para as e os deputados contaxiados.

Plan estratéxico da Galiza

De tal forma, o pleno comezará na terza feira co debate do Plan estratéxico de cara a 2030. Primeiro tomará a palabra o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras o que intervirán os grupos parlamentarios. Así, abrirase un prazo para a presentación de transaccións até as 18.30 horas desa xornada co obxectivo de chegar a acordos. O debate deste plan decorrerá partido en dous días, xa que proseguirá na cuarta feira, día no que se procederá á súa votación para a aprobación.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, valorou este "ambicioso" plan para o "longo prazo", que ten o obxectivo de que o país alcance ao remate da década a media do PIB per cápita do Estado español e 90% da Unión Europea. Mostra a "vontade de atopar puntos en común" coa oposición, dixo.

O PP realizou tres emendas —para realizar correccións—, mentres o BNG presentou 36 propostas e o PSdeG, 182. A respecto diso, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, destacou que o seu grupo presentou un elevado número de propostas polas "deficiencias que deben ser emendadas".

Orde do día

O segundo punto da orde do día será a comparecencia do conselleiro de Educación. Puy confía en que os incidentes no inicio do novo curso escolar "sexan mínimos". Sobre esta cuestión, Luís Álvarez considera que a de Román Rodríguez será unha "comparecencia singular", pois "resultará curioso ver como fala de inicio de curso normal tras anunciar un inicio de curso caótico". Igualmente, sinala que os socialistas preguntarán a Alfonso Rueda se apoia ou corrixe "dunha forma implícita" esas palabras do conselleiro.

A bancada popular impulsará dúas proposicións non de lei que pasan polo apoio ao manifesto de conselleiros de Sanidade que urxe medidas en atención primaria e a necesidade da industria electrointensiva de ter un prezo competitivo da luz. Paralelamente, o PP preguntará sobre os obxectivos do Plan Emprega Muller e do programa de cribado neonatal.

O Bloque realizará dúas interpelacións a respecto das consecuencias de "desmantelar" a sanidade pública e á maior vaga de incendios nos últimos catro anos, que arrasou máis de 43.000 hectáreas nos meses de xullo e agosto. "Neste país é necesaria unha profunda reflexión sobre ordenación do territorio e política forestal", asegurou Rodil.

Desde o BNG tamén presentarán iniciativas que pasan por restaurar de forma "inmediata" a Tarxeta Básica e darlle carácter permanente, incrementar as pensións non contributivas e a Risga, así como mobilizar 1.100 millóns da Xunta para rescatar as persoas máis vulnerábeis ante a inflación. Aliás, presentará unha proposta de pacto galego pola auga e pedirá a reprobación e cambio do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

No tocante ás iniciativas presentadas polo PSdeG, unha versará sobre a prohibición do arrastre en áreas protexidas, mentres que outra demandará á Xunta que "cambie radicalmente" a política de prevención e extinción de incendios. Os socialistas tamén realizarán dúas interpelacións: unha delas ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, co fin de que se realice unha contratación extraordinaria de profesionais; a outra, que foi aprazada no seu día, aborda a autonomía financeira de entidades locais.

O PSdeG tamén preguntará polos "auténticos escándalos en manipulación informativa" na CRTVG, así como pola deslocalización da atención telefónica de Naturgy e a perda de subvencións para renovábeis. Luís Álvarez dixo que arrinca o novo período de sesións cun "ánimo positivo", consciente de que o PP de Rueda "está en situación de parálise normativa", á vez que avisa de que "quen determina as políticas" no Partido Popular "é a señora Ayuso".

Comentarios