A nova conselleira do Medio Rural afirma que os incendios intencionados van “no ADN da Galiza"

"Levo tres días na Consellaría, non tiven tempo nin de despachar con todos os directores xerais", indicou Gómez.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez. (Foto: Europa Press)
photo_camera A conselleira do Medio Rural, María José Gómez. (Foto: Europa Press)

A nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, considera que os incendios desta semana rexistrados no país son "probabelmente intencionados". "Vai no ADN da Galiza", afirmou.

A preguntas da prensa antes de participar en Compostela nun encontro de coordinación sobre a loita contra a velutina, a conselleira sinalou que "están a vir uns días de seca, con nordeste, vento forte, e xa sabedes o que pasa, non?". Remarca sobre uns lumes que "están a evolucionar ben".

O peor incendio rexistrado desta semana foi até o momento o de Crecente (A Paradanta), con 170 hectáreas queimadas. En declaracións á axencia Europa Press, o alcalde, Julio César García-Luengo, asegurou que "non hai ningunha dúbida" de que o lume iniciado en tres focos diferentes no municipio "foi intencionado".

Cuestionada sobre a petición de maior estabilidade de persoal laboral fixo descontinuo de loita contra o lume na Galiza, a conselleira respondeu: "Non me chegou esa petición". Lembra que os traballadores con contratos de seis meses van pasar a nove meses en 2026. Esta mesma semana incorporáronse perto dun milleiro para traballar durante sete meses.

No que vai de semana, extinguíronse na Galiza os incendios de: Crecente, con 170 hectáreas arrasadas; A Fonsagrada (comarca homónima), 65 hectáreas; Oímbra (comarca de Verín), 23,5 hectáreas; así como no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, dúas hectáreas. En total, suman unhas 260 hectáreas calcinadas.

"Levo tres días na Consellaría"

Por outra banda, tamén foi preguntada por diferente demandas que lle fan organizacións agrarias respecto a o seu novo cargo. "Levo tres días na Consellaría, non tiven tempo nin de despachar con todos os directores xerais", indicou Gómez.

"Non falei con Unións Agrarias nin me chegou a min ningunha petición, de momento", expresou sobre esta cuestión.

 

Comentarios