ENTREVISTAS ELEITORAIS/LUÍS VILLARES

"Non podemos fiar todas as nosas propostas á superación do marco xurídico político"

Luís Villares (Lugo, 1978), xuíz en excedencia, irradia optimismo cando encetamos o terzo final da campaña. Atende o Sermos por telefone desde a caravana eleitoral da Marea, perto de O Barco de Valdeorras. Dá por sorpassado o PSdeG e vai directo a polo PP.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

-Co sprint da campaña xa no horizonte, que balanzo fas destes días e que receptividade social están a ter as propostas da Marea?

-Estamos moi satisfeitos deste primeiro tramo, porque estamos percibindo moita ilusión na xente que se achega aos mitins, moi superior á que houbo noutras campañas eleitorais cos precedentes da coligazón de En Marea e, desde logo, está a funcionar moi ben ter un partido político único, con base exclusivamente no noso país. Estase a facer moi ben a integración de todas as mareas municipais no proxecto nacional galego, estamos tendo moi bon retorno deste novo proxecto político.

-Dis que a xente xa percibe En Marea como un partido...?

-Si, si, si, absolutamente. Existe unha implicación do que até agora eran as mareas municipais como proxectos de carácter municipalista e a integración no proxecto político da Marea está sendo moi positiva, porque a xente está traballando moito máis ilusionada que até este momento.

-Estaslle a prestar moita atención aos inquéritos?

-Non, para nós os inquéritos son sucesivas receitas de cociña coas que facer un álbum de Master Chef ou diría máis ben de Larpeiros, por ser un programa galego, non? Non lles concedemos ningunha credibilidade e, polo tanto, a enquisa que nos vale, igual que ao resto da xente, supoño, é a do día 25. O que estamos a dicer é que desfruten destas [reférese ao PP] porque non van ter outra vitoria. De feito, en anteriores comicios, de ámbito municipal, por exemplo, os inquéritos dábanlle 3 a Compostela Aberta e ao final foron 10, así que cremos que non se pode medir a potencia eleitoral da Marea.

-E ves perto o sorpasso ao PSdeG?

-Home, nós estamos articulando un espazo de hexemonía social e, polo tanto, en coherencia con isto, queremos acadar tamén a hexemonía política. Polo tanto, o sorpasso [ao PSdeG] nós dámolo por feito, o que estamos disputando é o sorpasso ao PP. Estamos disputando a hexemonía política ao Partido Popular en Galiza, colocarnos como unha auténtica alternativa de goberno, seria, solvente, en clave de país. Cremos que estamos en condicións de o acadar. E está a chegar ben a mensaxe á xente, a pesar das dificuldades que poñen os medios de comunicación públicos, estamos a chegar ben por outras vías.

Luís Villares na caravana eleitoral de En Marea-En troca, nas recentes xerais de xuño viuse que o PP mantén bastante ben a súa fortaleza eleitoral. A que o atribúes?

-Non me vou poñer agora a analisar as eleccións do 26 de xuño, como comprenderás. En todo caso, nós temos unha diferenza esencial con relación ao 26X, non?, temos un partido político que foi capaz de aunar todos os esforzos de toda a unidade popular en Galiza e cremos que iso nos coloca nun escenario cualitativamente diferente. Isto non é unha coligazón, isto vai moito alén dos partidos que no seu momento formaron unha coligazón. Isto vai moito máis aló dunha suma de mareas, é unha sinerxia política conxunta que, ademais, integra a afiliación individual, é algo que até agora non existía en todo este movimento e, polo tanto, a implicación que estamos tendo e a potencia eleitoral disto está por medir e non se parece nada á oferta que a Marea como coligazón facía para o 26 de xuño.

-Nos ambientes nacionalistas é frecuente ouvir a crítica de que na cuestión nacional o programa de En Marea é moi parecido ao do PSdeG? Que tes a dicer a isto?

-Ben, non sei se o PSOE defende un proxecto nacional para Galiza. Nós si. Nós consideramos que Galiza é unha nación. E, polo tanto, a nosa proposta programática é gobernar en clave de nación. Non sei se esa é a proposta do PSOE.

-Sabes que a orixe desa impresión é a énfase que nalgunha entrevista tes posto ti na cuestión de que o actual Estatuto non foi aínda inteiramente desenvolvido...

-Si, iso é verdade, o actual Estatuto ten pendente aínda a comarcalización de servizos en todo o país, ten pendente o desenvolvimento dunha policía integral para Galiza, o réxime de transferencias do artigo 150 [da Constitucion española de 1978] poderíanos prover das competencias en seguridade marítima, en inspección de traballo, en portos de interese xeral. Nós temos claro que neste momento o exercicio do noso poder como nación significa un bon goberno para este país, non?, e o que non nos parece que debemos facer é fiar todas as nosas propostas programáticas á superación dun marco xurídico político. Primeiro, porque ese marco xurídico político está por acabar de expandir e, en segundo lugar, porque neste momento é necesario exercer esas competencias en clave de país. E iso é o imediato. Fiar un bon goberno a unha modificación estatutaria é enganar a xente porque non se vai poder facer no curto prazo. Nós apresentámonos ás eleccións do 25S para gobernar a Xunta a partir do 26 de setembro. A partir daí, evidentemente hai outras axendas de reforzo do autogoberno para o medio e para o longo prazo. Pero desde logo para o día 25 non podemos basear a nosa oferta eleitoral simplesmente en dicer que superamos o marco político xurídico. Sería irrealista. Sería enganar a xente.

"Que se fechen as escolas ou que se prohíba o galego nas matemáticas no ensino non é un problema de autogoberno, é un problema de mal exercicio do autogoberno"

-Esa superación do marco político situaríala, pois, no medio prazo?

-A superación de momento non pode vir máis que cando se produza o esgotamento do modelo actual e entendemos que isto aínda non se produciu porque aínda faltan competencias por exercer e desenvolver. Segundo, hai competencias que se exerceron, pero non se fixeron en clave de país. Que se fechen as escolas ou que se prohíba o galego nas matemáticas no ensino non é un problema de autogoberno, é un problema de mal exercicio do autogoberno, é un problema de non crer no país, de querer exterminar o país. O que é necesario é recuperar o autogoberno e exercelo en clave nacional.

-Sodes un partido, mais sodes un partido moi recente, moi novo. Sería este factor, o da condición moza da nova organización, o que explicaría a demora que tivestes á hora de apresentardes o voso programa eleitoral?

-Non, en absoluto. A apresentación do programa responde a unha posición estratéxica, é dicer, de ir debullando contidos concretos, fomos primeiro debullando de forma sectorial, logo fixemos a apresentación conxunta, nunha estratexia de campaña.

-Que razón lle darías a unha persoa indecisa para que finalmente apañe a papeleta de En Marea?

-Daríalle dúas razóns básicas. A primeira, que nós garantimos un goberno alternativo ás políticas antisociais e de sufrimento do PP, e segunda, que a xente pode confiar en min e no proxecto da Marea como os que imos acabar radicalmente coa corrupción institucional e imos meter a xente no caldeiro, se fai falta. É evidente que non se pode seguir así. Nós garantimos que imos levantar todas as alfombras que sexan necesarias para rexenerar este país.

-Que se xoga Luís Villares o 25S?

-Pois o mesmo que o resto de galegas e galegos. A oportunidade de ter un goberno e un país máis xusto.

-Acabas de chegar á política institucional, pos data de caducidade a túa presenza no Parlamento?

-Ben, o propio código ético de En Marea prevé unha presenza máxima de 8 anos nas institucións e, polo tanto, ese é o meu teito.

Máis en POLÍTICA
Comentarios