Néstor Rego: "No BNG coñecemos ben o novo portavoz do PP, pasamos de Gamarra a 'Macarra'"

"Algúns dinlle bulldog. Non sei, por respecto aos bulldog creo que é mellor a opción de mamporrero da oposición", afirma o deputado do Bloque.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que a decisión de Aberto Núñez Feixoo de designar portavoz no Congreso a Miguel Tellado, a quen os nacionalistas coñecen da súa etapa no Parlamento galego —entre 2012 e 2022—, demostra que o Partido Popular opta por unha "vía de confrontación cada vez máis escorada á ultradereita": "Pasamos de [Cuca] Gamarra a 'Macarra'", dixo.

En rolda de prensa na Cámara baixa, Rego asegurou esta terza feira que o Bloque coñece "perfectamente" a Tellado como portavoz do PP no Parlamento galego, e definiu o seu estilo como o do "insulto" e a "descualificación", no canto do diálogo e o bo facer parlamentario.

"Algúns dinlle bulldog. Non sei, por respecto aos bulldog creo que é mellor a opción de mamporrero da oposición. Podemos concluír que pasamos de Gamarra a 'Macarra' sen ningún xénero de dúbidas e sen ningún temor a equivocarnos", engadiu o parlamentario.

Ao seu xuízo, o Congreso vai ver "a peor cara do PP" e percibirase a Feixoo como "unha persoa cada vez máis ultra". "Parece que o PP ten necesidade de competir permanentemente polo espazo coa ultradereita", apuntou.

Comentarios