Néstor Rego insta Pedro Sánchez a atallar "o uso espurio de medios públicos, privados e da Xustiza"

O deputado do BNG avisou Sánchez de que, se non actúa, todo quedará como unha "manobra partidista" e na perda dunha "oportunidade" para avanzar na democracia.
Néstor Rego, esta cuarta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Néstor Rego, esta cuarta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reprochou ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que, tras o seu retiro de cinco días, se limitase a anunciar que seguía na Moncloa mais non puxese sobre a mesa "nin unha soa medida para atallar a crispación e o uso espurio de medios públicos, privados e da Xustiza para atacar aos adversarios políticos".

Por iso, chamouno a avanzar na rexeneración democrática e a ampliación de "dereitos colectivos das nacións" e avisouno de que, se non o fai, todo quedará como unha "manobra partidista" e na perda dunha "oportunidade" para avanzar na democracia.

Acción contra o "lodo"

Ademais, o portavoz de de ERC, Gabriel Rufián, tamén emprazou o presidente español a pasar á acción contra o "lodo". "Vostede tomouse eses cinco días mais segue habendo xuíces e medios ao servizo do PP e Vox, segue habendo mentiras e en España pódese saltar de medio fake en medio fake sen pisar unha soa noticia verdadeira", recalcou.

Para empezar a actuar contra ese "lodo", Rufián retou Sánchez a renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sen o PP e a subir as multas por difamación até os "150.000 ou 200.000 euros" porque hai medios que non se poderían permitir abonar esas sancións tan altas.

Unha "pinga" da "esterqueira" do "lodo"

Pola súa parte, a portavoz de Junts no Congreso, Míriam Nogueras, recriminou a Sánchez que asumise a existencia do 'lawfare' só despois de que unha "pinga" da "esterqueira" do "lodo" salpicara a el e á súa familia e que agora "chore" ante unha "máquina" da que anteriormente se beneficiou, por exemplo, cando se activou contra os independentistas cataláns.

As intervencións tiveron lugar durante un pleno do Congreso, onde Nogueras acusou Sánchez de "chorar" mais "non actuar" ante a existencia desa maquinaria política, mediática e xudicial que, ao seu modo de ver, el mesmo "alimentou".

"Vostedes están de lodo até arriba", sentenciou, lembrando as noticias falsas sobre as contas bancarias de Xavier Trias que, dixo, custaron a Alcaldía de Barcelona que pasou a mans de Ada Colau e o PSC. Tamén incidiu en que agora o socialista Jaume Collboni goberna na capital catalá "grazas aos votos do PP", ao que Sánchez "acusa de estar detrás da policía patriótica que está a acosar a súa familia".

Comentarios