Feixoo anuncia que citará Sánchez na comisión de investigación do Senado para que aclare a actividade profesional da súa esposa

Pedro Sánchez insistiu en que ao PP "non lle importa" o que "dixese a Audiencia Nacional, ou a Fiscalía, ou a Oficina de Conflito de Intereses, ou a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil" porque o único que lle interesa ao PP é "a destrución do adversario político" e "poder gañar en xornais e en tribunais o que non puido gañar nas urnas o pasado 23 de xullo".
Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira no Congreso español (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira no Congreso español (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, acusou esta cuarta feira ao xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, de non aclarar as actividades profesionais da súa esposa, Begoña Gómez, tras máis de seis horas de comparecencia no pleno do Congreso estatal. Neste sentido, anunciou que o grupo popular citará Sánchez no Senado, onde o Grupo Popular conta con maioría absoluta.

"O resumo do que ocorreu hoxe podería ser que, unha vez máis, vostede non deu explicacións sobre as preguntas ben sinxelas, concretamente formuladas, que lle fixen, máximo cando vostedes consideran que estou a facer preguntas sobre unha institución do Estado", dixo Feixoo na súa pregunta de control no Pleno do Congreso.

Tras denunciar que o xefe do Executivo español non contestou en sesión plenaria sobre as preguntas que lle formulou sobre a súa esposa, o presidente do PP sinalou a Sánchez que "as vai a ter que contestar no Senado".

Sánchez: "Eu xa dei explicacións claras cobre a miña parella"

No debate previo de seis horas que se celebrou no Congreso, Sánchez afirmou que el xa deu "explicacións claras" sobre a súa parella. "Volvo repetir, ela é unha profesional de primeira que non fixo nada irregular nin reprochábel. Pero a vostede iso non lle importa, non lle importa, a vostede non lle interesa a verdade", dixo.

Así, insistiu en que ao PP "non lle importa" o que "dixese a Audiencia Nacional, ou a Fiscalía, ou a Oficina de Conflito de Intereses, ou a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil" porque o único que lle interesa ao PP é "a destrución do adversario político" e "poder gañar en xornais e en tribunais o que non puido gañar nas urnas o pasado 23 de xullo".

Despois de que Feixoo lanzase a posibilidade de citalo no Senado se non daba explicacións, Sánchez recalcou que el non ten "ningún problema en responder" alí e pediulle que non o trate de "ameazar" con levalo á comisión de investigación da Cámara Alta sobre o chamado 'caso Koldo', dado que está "encantado" de comparecer. E a continuación, engadiu: "Se quere levar á miña esposa para comparecer no Senado, será a súa responsabilidade, mais irá tamén, encantada".

Feixoo: "Isto segue aberto"

Ante esas manifestacións, Feixoo asegurou na súa réplica que el non acudiu ao Congreso para "prexulgar" nin o fará "xamais", lembrando que leva "30 anos nisto". Iso si, dixo a Sánchez que "tan seguro non estará cando veu mesturar" na mesma comparecencia as actividades da súa esposa con varios asuntos, como Palestina, Xibraltar ou Ucraína.

"Permítame dicirlle que quen tratou á súa esposa coma se xa estivese procesada é vostede. Vostede púxoa baixo o foco do seu drama adolescente, vostede, o que se manexa con evasivas e só fala ante os medios afíns, é vostede o que ten na súa man as explicacións que nega nas Cortes Xerais", salientou.

Por iso, pediu saber se Sánchez preguntou á súa esposa "para que asinou papeis inútiles que a poden involucrar nun proceso penal" e se lle consta que a súa muller está "investigada nun xulgado de Madrid", subliñando que ese xulgado "fai uns momentos acaba de citar a seis empresarios" como testemuñas "na causa de corrupción e de tráfico de influencias". "É dicir, isto segue aberto, verdade, señor Sánchez?", exclamou.

Cruzamento de reproches sobre as "mentiras" e "as trolas"

Así mesmo, Sánchez queixouse de que nin PP nin Vox atendesen a súa petición de "baixar o ton, non atacarse no plano persoal e non sementar a confrontación" con "mentiras, con difamacións e con trolas". "En suma, a non contribuír a esa onda de polarización que vive Europa", queixouse.

Dito isto, acusou Feixoo de levar a cabo unha "intervención baleira en contido e chea de inxurias". "O que viña a non insultar. O lodo, en definitiva. Ningunha proposta para mellorar a vida dos cidadáns, ningunha idea para reforzar a política exterior do noso Goberno", denunciou.

Na súa réplica, Feixoo afirmou que o Goberno "difamou" a súa persoas en sede parlamentaria e non se desculpou, á vez que recalcou que Sánchez "nunca vai poder loitar contra as trolas" porque a súa Presidencia "é unha gran trola". É máis, tras mostrarse visibelmente molesto coa intervención do socialista Paxti López, admitiu que foi unha "equivocación" nomealo lehendakari cos votos do PP.

Sánchez acusa o PP de preferir que Puigdemont goberne en Catalunya

Por outra parte, o presidente do Goberno español asegurou que lle resultou "esperpéntico" ver Feixoo e cargos do PP "entristecerse" porque gañase as eleccións en Catalunya o socialista Salvador Illa e que "o independentismo non sumase unha maioría parlamentaria". "Vostedes prefiren que goberne Catalunya Puigdemont a que o faga Illa durante os próximos catro anos. E xa lle digo que será Salvador Illa quen goberne", proclamou.

Así mesmo, Sánchez advertiu o PP de que os resultados de Vox en Catalunya, onde mantivo os seus 11 escanos, "confirman o equivocado da súa estratexia". "Porque ao final, copiar o discurso xenófobo sobre migración e seguridade, como fixo vostede durante a campaña electoral en Catalunya non quita un voto a Vox, é que o que fai é reforzar a posición de Vox", aseverou, para engadir que os discursos de Santiago Abascal e Feixoo sobre inmigración son "perfectamente intercambiábeis".

Sánchez destacou ademais que Nacións Unidas (ONU) "tivo que saír a reprochar as mal chamadas leis de concordia" de PP e Vox, que, ao seu xuízo, "son leis da discordia, son leis absolutamente antimemorialistas" por "cuestionar os dereitos humanos e o dereito internacional humanitario, equiparando vítimas con verdugos e cuestionando a dignidade da memoria democrática". "Pídolle que retiren as leis antimemoria democrática e que deixen de acusar a Nacións Unidas de propagar trolas e de desinformar", demandou a Feixoo.

Comentarios