Néstor Rego (BNG)

"Sacar representación nas 4 provinciais é un obxectivo moi factíbel para o BNG"

Néstor Rego, cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña.

Néstor Rego é o portavoz do BNG no Congreso (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego é o portavoz do BNG no Congreso (Foto: Nós Diario).

—Dos centos de iniciativas que presentou no Congreso dos Deputados na pasada lexislatura, con cales quedaría?
Eu creo que, polo que significa desde o punto de vista humano, pero, tamén, polo que representa de avance neste ámbito para todas aquelas persoas afectadas, ficaría cunha proposta aprobada polo pleno do Congreso dos Deputados instando a recoñecer a discapacidade con 23% para as enfermidades neurodexenerativas, como poden ser a esclerose  múltiple ou a esclerose lateral amiotrófica (ELA).

Destacaría, tamén, unha proposición non de lei presentada conxuntamente con Bildu e ERC para derrogar a reforma laboral e recuperar os dereitos laborais perdidos polas traballadoras e traballadores, que non saíu adiante polos votos do PP e de Unidas Podemos.

A maiores, non quero esquecer as máis de 300 emendas formuladas a cada un dos orzamentos xerais do Estado e que representan unha alternativa de conxunto á situación do país.

—Concorre aos vindeiros comicios co reto de conseguir un forte grupo galego. Cales son os obxectivos do BNG para as próximas eleccións?
Os obxectivos son claros. Se cun só deputado o BNG foi capaz de dar voz aos problemas da Galiza, formular unha axenda galega e pór encima da mesa a situación do país, agora trátase de ter capacidade para condicionar as políticas do vindeiro Goberno, nun escenario sen maiorías absolutas. Non queremos só arrancar acordos que melloren as condicións de vida das galegas e galegos, senón de ter capacidade para facelos cumprir.

Pensamos, ademais, que sacar representación nas catro provinciais é un obxectivo factíbel para o BNG á vista dos resultados dos comicios locais. Malia que as extrapolacións son sempre complicadas, cos votos das eleccións municipais conseguiríamos un deputado por cada unha das circunscricións e ficariamos moi perto dun segundo pola Coruña.

—Unha das cuestións que ten ocupado a súa actuación nestes catro anos é a demanda de mellores infraestruturas. Cales son as prioridades nesta materia?
A mellora das infraestruturas foi un cabalo de batalla permanente ao longo destes catro anos. Neste sentido, na vindeira lexislatura, imos traballar para que Galiza conte cos recursos suficientes para completar a rede ferroviaria interna e implantar os servizos de proximidades ferroviarias, un caso de marxinación do país evidente por ser, practicamente, a única comunidade autónoma que non conta con elas, mesmo en áreas tan poboadas como A Coruña-Ferrol ou Pontevedra-Vigo.

Máis en POLÍTICA
Comentarios