JOSÉ RODRÍGUEZ AÑÓN (SUMAR)

"Nestes anos conseguíronse avances que melloraron a vida de millóns de persoas"

José Rodríguez Añón, candidato número 1 de Sumar ao Congreso por Lugo.
rodriguez añón sumar
photo_camera José Rodríguez Añón é profesor de Física Aplicada. (Foto: Nós Diario)

—Esta é a súa primeira campaña electoral como candidato. Que tal o leva?
Non estou acostumado a isto (ri), son novato, mais creo que a cousa vai ben. A campaña que vale a pena é a campaña do contacto coa xente, fuxir dese prometer moito, dese non escoitar.....

—Como ve a recepción a un proxecto como o que representa Sumar?
Vexo receptividade. Eu cos colectivos cos que contactei reciben como unha estrañeza que se vaia falar con eles, porque non é o habitual. As campañas adoitan centrase en mitins, pancartas, cartalaría... mais non en ir falar directamente coa xente, e nós o que procuramos é iso. Chamoume a atención que vaias falar con colectivos e asociacións que fan un traballo social ou teñen unha actividade, e que che digan que ninguén foi falar directamente con eles. Sorprendeume moito, a verdade.

—Cales considera que son as necesidades principais ás que hai que facer fronte en Lugo?
Hai unha que creo que é prioritaria, que é o asentamento poboacional, así como ter unha estrutura de infraestruturas máis adecuadas á realidade. Aquí é urxente ter unha liña ferroviaria que nos una ao Eixo atlántico, ao resto da Galiza. Tamén creo que en Lugo e na Galiza hai unha serie de problemáticas, que tamén pode haber no resto do Estado, mais que aquí están agudizadas por 13 anos de Gobernos do PP na Xunta: aí está o que acontece coa sanidade, coa dependencia, co ensino...  Tamén nas infraestruturas, onde o debate semella que moitas veces se centran en máis autoestradas e autovías, no canto de pararnos a pensar para que, se son realmente necesarias ou mesmo útiles para o desenvolvemento que queremos. 

—Que propostas e alternativas se poñen riba da mesa desde Sumar?
A suba do salario mínimo interprofesuobnal, a reforma laboral, as pensións... Se todo o que se conseguiu avanzar neses campos non chegan á xente, non sei que máis de pode facer. En todos estes campos Yolanda Díaz tivo moito a ver. Que se pode facer máis? Por suposto, e niso estamos. Estas iniciativas cambiaron a vida de millóns españois. Neste catro anos avanzouse moito. Que haberá quen diga que se puido avanzar máis? Claro, pero avanzouse o que puidemos, e moito máis do que se viña facendo en anos anteriores. Creo, ademais, que somos a única formación que está falando de temas como o cambio climático, as política de sostibilidade e transición; así como temas de recuperación do rural estamos achegando ideas, propostas.... Confiamos en que a xente escoite e valore.

Comentarios