Nace o Partido Comunista pola República Galega

A nova formación política, coas siglas PCRG, realizou esta fin de semana o seu Congreso Constituínte.

Imaxe do Congreso Constituínte do Partido Comunista pola República Galega (PCRG)
photo_camera Imaxe do Congreso Constituínte do Partido Comunista pola República Galega (PCRG)

Esta fin de semana constituíuse formalmente o Partido Comunista pola República Galega (PCRG). A través dun comunicado nas redes sociais explican as liñas de traballo aprobadas no seu Congreso Constituínte no que participaron máis de 100 persoas.

Desde o PCRG sinalan que o seu primeiro Comité Central traballará para “unir a todos os comunistas de Galiza nun só Partido, fomentando a organización dos elementos máis avanzados e combativos da nosa clase, así como a coordinación, colaboración e cohesión práctica e teórica entre os destacamentos xa organizados actualmente existentes” engadindo que estarán dispostos a renunciar “se fose preciso ás nosas siglas pola Unidade orgánica proletaria e revolucionaria”.

O eido sindical, afirman que procurarán “traballar pola Central Sindical Única Galega e, mentres tanto, implicarse nas centrais sindicais existentes para coordinar aos elementos máis conscientes e combativos, e fomentar un sindicalismo nacional, de clase, non pactista, combativo, asembleario e non sometido a lóxicas alleas ao movemento obreiro”.

Mocidade e feminismo

En relación á mocidade, aseguran querer “reconstruír un movemento estudantil popular, democrático , republicano e asembleario, capaz de ter un programa avanzado e ser hexemónico á vez”.

Ademais, indican que reforzarán “teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, fomentando a formación interna ao respecto, a propaganda específica dirixida ás mulleres traballadoras e a promoción da militancia e da organización entre elas”. Por este motivo cren necesario fomentar “cadros de mulleres nas organizacións obreiras e populares, así como no propio Partido”.

Relacións internacionais e loita pola amnistía

O PCRG indica que impulsará “as relacións internacionais, tanto cos estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo, como coas organizacións e movementos obreiros, revolucionarios e insurxentes de todo o mundo “ coa idea de “promocionar, tamén, as organizacións de solidariedade internacionalista do noso país”.

Por último, afirman que manterán a “solidariedade anti-represiva con todas as persoas encausadas pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas e cos presos políticos” e loitarán “pola amnistía e contra os corpos represivos”.

No eido organizativo fomentarán “a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios” e no exterior participarán “en todas as frontes de batalla e de intervención, e con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento”.

A totalidade dos relatorios e a dirección proposta foron aprobados con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra.

O PCRG nace após as diferenzas que se deron nos últimos meses na Frente Popular Galega (FPG).

Comentarios