A vila lusa de Oeiras presume do seu propio Yuri Gagarin

A Internacional Charity Foundation “The Dialogue of Cultures -The United World” e a embaixada da Federación Rusa en Portugal fixeron esta achega á vila. A estatua en bronce realizada por A.D. Leónov xa forma parte do Museo de Arte Urbano (MAU), que se atopa na Taguspark. Aliás, representa a "amizade" entre Rusia e Portugal.
Acto de descuberta do busto de Gagarin. (Foto: Jornal de Noticias) #gagarin #oeiras #portugal
photo_camera Acto de descuberta do busto de Gagarin. (Foto: Jornal de Noticias)

A cámara municipal de Oeiras, unha administración semellante ao que sería un concello na Galiza, vén de inaugurar un busto do astronauta Yuri Gagarin (1034-1968).

A estatua en lembranza do cosmonauta, que pode verse na Taguspark – Cidade do Conhecimento desde este domingo, foi unha doazón da Internacional Charity Foundation “The Dialogue of Cultures -The United World” e a embaixada da Federación Rusa en Portugal á vila.

O busto en bronce que deseñou A.D. Leónov é unha achega entre os pobos, un símbolo da “amizade entre Rusia e Portugal” como sinalou a entidade local, mais tamén unha homenaxe.

A través da figura do astronauta quere lembrarse o 60 aniversario do primeiro voo espacial no que participaron seres humanos, no que precisamente participou o coñecido Gagarin.

Segundo recolleu o xornal portugués Jornal de Noticias, o CEO da Taguspark, Eduardo Baptista Correia, afirmou: “Na Taguspark, o comunismo está no museu. Esta obra de arte, que inclui a bandeira da URSS junto ao busto de Yuri Gagarin e do foguetão Vostok 1, é uma homenagem ao primeiro ser humano no espaço e a este acontecimento marcante".

O acto de inauguración decorreu no marco do FIC.A, o Festival Internacional da Ciencia. Agora a peza forma parte do MAU ou Museo de Arte Urbano.

Neste evento estiveron presentes, ademais de Correia, o máximo dirixente de Oeiras, Isaltino Morais, e o embaixador da Federación Rusa, Mikhail L. Kamynin.

“É importante resaltar que a historia non se pode cambiar, pero debemos aprender dela e, conscientes da súa relevancia”, resumiu Correia.

Comentarios