Multad@s por procurar alimento no lixo

Até 19 persoas foron sancionadas en 2013 na Coruña ao abeiro dunha ordenanza municipal que impón 100 euros de multa por remexer nos contedores.

David sordojr
photo_camera [Imaxe Flickr David Sordojr]

Como adiantaba Sermos Galiza hai meses, a policía da Coruña comezou a multar con 100 euros a aquelas persoas que remexesen nos contedores do lixo, probabelmente na procura de alimento. Segundo o goberno municipal, as sancións fixábanse de acordo cunha ordenanza local que visa sancionar "esta actividade" porque, din, "ensuxa a contorna".

Após a publicación da memoria anual elaborada pola policía local e que cifra para 2013 en 19 os as multas por 'manipulación dos contedores do lixo' desde o grupo municipal do BNG na Coruña denuncian que "o PP castiga con multas as persoas famentas" e alertan de que "só unha administración inhumana, insensíbel e prepotente, só un estado policial, manda a policía contra as persoas que pasan fame".

María Xosé Bravo, concelleira nacionalista, salientou que este tipo de multas só se recollen no 2013, pois, explicou, "nin a memoria de xestión do 2011 nin a do 2012 recollen sancións por buscar comida nos colectores". Neste senso, para a organización frontista a aplicación que se está a facer da ordenanza municipal de "limpeza" é "fraudulenta" e "inxusta" porque, acrecentou, estase a usar "para castigar as persoas en situación de pobreza extrema que se ven na obriga de buscar alimentos que os Servizos Sociais non son quen de fornecerlles".

María Xosé Bravo (BNG): "Só un estado policial manda a policía contra as persoas que pasan fame"

Estas multas prodúcense nun contexto de crise económica no que está a medrar de maneira notábel o índice de exclusión social e a porcentaxe de persoas en risco de padeceren pobreza extrema. Segundo o IGE son, precisamente, aquelas localidades da faixa atlántica --noutrora as máis equitativas socialmente-- as que están a sofrer un maior aumento na desigualdade social o que aboca a ducias de persoas --sen recursos-- a procuraren alimento, mesmo na rúa.

Neste senso, desde o BNG entenden que a actitude do goberno do Partido Popular na cidade herculina "loita contra @s pobres e non contra a pobreza" polo que lle exixirán explicacións no vindeiro pleno municipal.

Cumpre lembrar que esta postura "belixerante" face as persoas que remexen nos contedores do lixo xa foi levada a cabo noutros concellos gobernados polo PP. Por exemplo, o Ayuntamiento de Madrid --con Ana Botella á fronte-- multa con até 750 euros por "furgar no lixo" e "depositar os residuos de pequena entidade fóra da papeleira".

Comentarios