28-M

Mocións de censura, rotacións e expulsións mudaron 16 Alcaldías

Desde as eleccións municipais de 2019 até agora, case 100.000 galegas e galegos viron como as Alcaldías que tomaban posesión tras o resultado daqueles comicios non son as mesmas que hai agora, como consecuencia de cambios políticos. Mocións de censura, rupturas, rotacións ou mesmo expulsións afectaron unha quincena de concellos galegos.
As persoas asistentes ao pleno reprocharon a moción. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Protestas contra a moción d ecesnura en Sada. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O 28 de maio as 2.222.962 galegas e galegos con dereito a voto elixirán os 3.698 edís que serán quen designen as 313 alcaldesas e alcaldes que tomarán posesión o 17 de xuño. Porase así o ramo ao mandato anterior, iniciado cos comicios de 26 de maio de 2019. Tamén daquela se elixiron 313 Alcaldías mais unha quincena delas mudaron de cor política ao longo destes catro anos, quer por mocións de censura, quer por rotacións ou outros motivos. En todo caso, o PP foi o gran beneficiado na maioría destas situacións, ao obter nove Alcaldías. Houbo nestes mandato nove mocións de censura. O PP logrou por esta vía seis bastóns de mando.

A primeira das mocións foi en Mugardos en decembro de 2019, apenas transcorridos sete meses dos comicios. A alcaldesa, Pilar Díaz (Esquerda Unida) foi desbancada por unha moción de censura presentada por edís do PP e do PSdeG. Dous meses antes rompera o pacto de Goberno entre a rexedora e a formación socialista. Juan Domingo de Deus (PP) foi electo novo alcalde. 

O ano 2020 principiou cunha moción en Fene contra Gumersindo Galego (PP) impulsada por BNG, PSdeG e EU, que levou o nacionalista Juventino Trigo a recuperar a Alcaldía.

En Castrelo de Miño, pola súa parte, o actual alcalde, Avelino Pazos (PP) chegou á Alcaldía en agosto dese ano a través dunha moción de censura co apoio de dous tránsfugas do PSdeG contra o rexedor do BNG, Esteban Suárez, quen fora investido co apoio dos socialistas.

Ribadavia mudaba a cor política da Alcaldía en febreiro de 2021, cunha moción de PSdeG e Ribadavia en Común que situou como alcaldesa a socialista Noelia Rodríguez após afastar César Fernández (PP).

En xuño de 2021 unha moción presentada por PP e dous dos seis edís do PSdeG en Santa Comba sacou da Alcaldía David Barreira (Compromiso por Galicia) e situou na cadeira de rexedora María Josefa Pose (PP).

Tres meses despois, en Malpica, Walter Pardo (PSdeG), que fora investido alcalde co apoio do BNG e CS, perdeu o cargo ao pasar o concelleiro de Ciudadanos a apoiar o PP, dando a Alcaldía a Eduardo Parga.  

En decembro dese mesmo ano, o PP, co apoio de dous edís de CxG, sacaba da Alcaldía da Baña o socialista José Pereira e puña como rexedor José García.

En Viana do Bolo, en xaneiro de 2022, Andrés Montesinos (PP) facíase coa Alcaldía cunha moción contra o rexedor Secundino Fernández (BNG). A moción triunfou grazas ao apoio de dous edís tránsfugas do PSdeG e que foron expulsados da formación.

A máis recente destas mocións tivo lugar en Sada en novembro de 2022. María Nogareda (elixida na lista de Alternativa dos Veciños) fíxose coa Alcaldía a través dunha moción de censura presentada por edís tránsfugas de AV, PP e PSdeG contra Benito Portela (Sadamaioría).

Outras vías diferentes que tamén cambian rexedores

Non todos os cambios políticos nas Alcaldías que se deron durante este mandato na Galiza foron como consecuencia de mocións de censura. Así, por exemplo, en Salceda de Caselas houbo un cambio na titular do bastón de rexedora como consecuencia dun pacto de rotación entre as organizacións políticas que acordaron o Goberno municipal após os comicios de 2019. A primeira parte do mandato a Alcaldía recaeu en Dolores Castiñeira (Movemento por Salceda) e os dous últimos anos en Verónica Tourón (PSdeG).

Outro exemplo é o sucedido recentemente en Samos, onde o seu alcalde, elixido na lista do PSdeG, foi expulsado en marzo deste partido após incorporarse á candidatura do PP nesta localidade da comarca de Sarria que liderará o seu fillo. Nestes tres últimos meses de mandato figura como non adscrito.

Tamén houbo mudanzas como consecuencia de renuncias, como pasou no Porriño. En decembro de 2021, Manuel Alonso (PP) converteuse en alcalde após a renuncia da rexedora Eva García de la Torre (PSdeG), que faleceu un mes despois dun infarto. A renuncia de De la Torre fixo que un dos socios do Goberno local, UDDL, se abstivese no novo pleno de investidura, dando así a Alcaldía ao PP.

Comentarios