Moción de censura

Néstor Rego rexeita a moción por representar un modelo "machista, homófobo, supremacista españolista e antidemocrático"

Comeza o debate no Congreso da segunda moción de censura que impulsa a ultradereita nesta lexislatura, desta volta con Ramón Tamames como candidato.
O líder de Vox, Santiago Abascal, e o seu candidato na moción de censura, Ramón Tamames, no inicio da sesión desta terza feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O líder de Vox, Santiago Abascal, e o seu candidato na moción de censura, Ramón Tamames, no inicio da sesión desta terza feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A ultradereita defende entre esta terza feira e a cuarta a segunda moción de censura nesta lexislatura. A anterior, presentada en outubro de 2020 con Santiago Abascal como aspirante á Presidencia do Goberno, fracasou estrepitosamente ao non conseguir máis apoio que o dos 52 deputados e deputadas de Vox, mentres o resto do Congreso, PP incluído, votou en contra. De cumprírense os prognósticos, esta nova moción apenas terá dúas novidades: que os 'populares' poderían absterse —sen incidir isto no resultado final— e que o candidato é, desta volta, o antigo militante do PCE Ramón Tamames.

Santiago Abascal: "Este é o peor Goberno en décadas e xa está caducado"

Na súa intervención inicial para xustificar a petición de remuda de Pedro Sánchez por Tamames, Abascal deu por "caducado" o presidente do Goberno e cargou contra o Partido Popular por non apoiar a súa moción, convidando o "autoproclamado líder da oposición", Alberto Núñez Feixoo, a "aclarar" se o seu espazo "é a socialdemocracia". Insistiu en que o Goberno de coalición é "o peor" en décadas e na "necesidade" de convocar eleccións xerais anticipadas o 28 de maio para "acabar co seu legado de ruína, división, neglixencia e odio".

Con este obxectivo, pediu ao PP que abandone "cálculos, medos e medias verdades" e recupere "a sensatez e a seriedade"; criticando as súas "ofertas" de pactos ao PSOE. "España necesita un partido socialdemócrata serio e decente porque non o ten. Se queren ese espazo, digánllo aos votantes [...] Non poden achegarse á vez a Vox e o PSOE", dixo, nunha mensaxe dirixida a Feixoo, que non está presente na sesión.

O líder da ultradereita española iniciou o seu discurso rexeitando algúns dos cualificativos que recibiu a moción de censura nos últimos días, como "disparate", "circo", "chirigota", "xogo excéntrico" ou "patochada"— e cargou contra os medios de comunicación, aos que acusou de ser "voceiros" dos partidos e o Goberno do Estado.

Pedro Sánchez: "Vostedes achegan un 'plus' de brutalidade ao PP"

Na súa quenda de réplica, Sánchez criticou Vox por "estender o odio no país" e achegar un "plus de brutalidade" ao Partido Popular, tornando no "glutamato" da dereita. A abstención dos 'populares' é, a ollos do presidente do Goberno estatal, un "pagamento en diferido". Non mencionou o nome do candidato —Ramón Tamames— ao longo do seu discurso inicial, limitándose a acusar Abascal de "agocharse" tras el, mais si cargou duramente contra un PP que aliñou coa extrema dereita: "Na anterior moción tiveron un breve momento de lucidez e votaron 'non'; agora téñenos máis perto do 'si'".

Para Pedro Sánchez, trátase dunha moción "estrambótica" e "delirante" pero que "pon en evidencia" que coa súa abstención o PP pasa "dun 'non' decente a unha indecente abstención". A ultradereita, advertiu, "vai exixir un segundo pagamento" aos de Feixoo. A proposta que se debate na Cámara, asegurou, "dá a oportunidade de observar de perto" aos seus promotores e "reflexionar" sobre "cal é a utilidade" dos mesmos, é dicir, para saber "que achegou a ultradereita a España" e para coñecer "para que serve VOX".

Na súa opinión, a moción preséntaa alguén que "goza de parecer o profeta" que anuncia a apocalipse pero que, despois de anunciar unha emerxencia social, tomou un descanso de cen días para acabar montando "este show parlamentario". "Nas rúas, axitación; nas tribunas, rifa e insultos; no Parlamento, dúas mocións estériles, e en todas partes, odio", insistiu.

Ramón Tamames: "O seu Goberno non respecta a división de poderes"

Ramón Tamames, que falou desde o escano de Abascal, evitou no seu discurso como candidato demandar a convocatoria de eleccións xerais o día 28 de maio no caso —pouco probábel— de que triunfase a moción de censura, tal e como abandeiraba Vox. Si aproveitou para cuestionar os pactos de Pedro Sánchez con partidos nacionalistas, así como o seu "asalto ás institucións" e "á separación de poderes".

"O seu Goberno, señor Sánchez, non respecta a división de poderes. Montesquieu é un visitante molesto porque están a facer moitas cousas e vímolo co Consello Xeral do Poder Xudicial en contra desa división de poderes", manifestou, aludindo a un "intento de controlar a Xustiza" desde o poder executivo. Tamames, noutrora unha das cabezas visíbeis do PCE, cargou tamén contra as políticas en materia de memoria democrática: "Está a faltar á veracidade e está polo partidismo. Nunha guerra civil non hai un lado bo e un malo, cometéronse atrocidades polos dous bandos", reivindicou, rexeitando a "imaxe idílica" que cre que se está tentando difundir da II República.

Pola súa parte, Sánchez recriminoulle que sexa o candidato "dos herdeiros de Blas Piñar" —destacado político franquista e dirixente da formación de ultradereita Fuerza Nueva— e, con iso, "contribúa a branquear un partido que rexeita a igualdade entre homes e mulleres, que criminaliza os migrantes e que nega a evidencia científica". "Non creo que esta fose a mellor idea que tivo na súa vida", dixo. Tamames respondeu afirmando que "ninguén na rúa sabe quen é Blas Piñar"; non así, defendeu, no caso de Francisco Largo Caballero, "a quen chamaban o Lenin español e terminou por crelo, levándonos á guerra civil", segundo o candidato de Vox.

Para Tamames, Vox "non incumpre a Constitución" nin "quitou delitos para axudar os da casa". "Iso non se fixo nin en Polonia nin en Hungría... Non vexo a Vox que vaia a facer nada contra a Constitución", dixo, procurando afastar esta formación dos seus homólogos na extrema dereita doutros países europeos.

Logo chegou a intervención da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que engadiu ao debate: "O Goberno fixo que en tan só un ano recuperásemos o emprego que tivemos... E si, gobernamos mellor que os que nos antecederon. É verdade que o PIB caeu 11,2 puntos, de maneira dramática, que caeu máis que noutros países, pero vostede, que coñece a estrutura económica, sabe o porqué; pero a vicepresidenta [Nadia] Calviño acerta co seu rigor coas previsións que fai para o noso país [...] Faría ben non sumarse aos agoreiros que cuestionan os datos do noso país".

Tamén interviu no debate o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, que mostrou o seu "rexeitamento" á alternativa que representan a "dereita ultra e a ultradereita". “Estamos diante dunha moción de censura que responde exclusivamente á axenda política e mediática da ultradereita na súa estratexia de extensión das políticas de odio”, comezou o deputado do BNG na súa intervención.

Alén de rexeitar a moción de censura presentada pola ultra dereita, Rego presentou o BNG como a “forza democrática e republicana que seguirá a traballar e combater con absoluta firmeza as políticas de odio coa forza da razón e coa vontade democrática do noso pobo”. “O BNG está neste Congreso para defender os intereses da Galiza, das súas clases populares, e políticas verdadeiramente transformadoras en beneficio das maiorías sociais. Para reclamar a reindustrialización e o emprego; exixir maiores investimentos en infraestruturas, especialmente ferroviarias; defender os nosos sectores primarios, ou combater o espolio eólico colonial que ameaza á Galiza”, exemplificou .

Non obstante, aínda rexeitando a moción de censura, Rego tamén se mostrou crítico co Goberno de PSOE e Unidas Podemos “desde unha perspectiva de esquerda e soberanista”. "Xa no debate de investidura deixamos claro que nunca un Goberno español sería o noso Goberno, mais tamén que o seu programa nos parecía insuficiente en políticas de esquerda realmente transformadoras e de recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado”, afirmou o deputado do BNG.

[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios