A ultradereita rexistra unha moción de censura que os demais grupos ven "ridícula" e que ERC pide ignorar

Ramón Tamames será o candidato á Presidencia de Vox na segunda moción que presenta en menos de tres anos, após o estrepitoso fracaso de 2020. No seo do Congreso hai división de opinións sobre se tomar con "seriedade" o debate parlamentario, como defende o PSOE, ou se cumpriría "plantar" e deixar soa a extrema dereita no hemiciclo, como demanda Esquerra.
É a segunda moción de censura que presenta a ultradereita. A primeira non obtivo máis apoios que os seus propios. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera É a segunda moción de censura que presenta a ultradereita. A primeira non obtivo máis apoios que os seus propios. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente de Vox, Santiago Abascal, acompañado do seu portavoz parlamentario, Iván Espinosa de los Monteros, e outros deputados e deputadas da formación de extrema dereita, rexistraron esta segunda feira no Congreso a moción de censura que presenta o economista Ramón Tamames, noutrora militante do PCE e un dos impulsores de Izquierda Unida, como candidato á Presidencia do Goberno español.

É a sexta moción de censura que se presenta desde 1977, a primeira cun candidato non afiliado ao partido impulsor e a segunda que promove Vox nesta mesma lexislatura. Unha vez rexistrada, a data do seu debate está agora en mans da presidenta da Cámara, Meritxell Batet, se ben en ningún caso será antes de mediados do mes de marzo.

Santiago Abascal anunciara hai xa dous meses e medio que presentarían unha nova moción de censura contra Pedro Sánchez ante a "urxencia", dixo, de "desaloxar" o Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos. Con todo, dixo que non quería liderala el mesmo, como si ocorreu en outubro de 2020, e a ultradereita lanzouse á procura dun candidato que reunise tres características: independente, con experiencia de goberno e que adquirise o compromiso da convocatoria inmediata de eleccións xerais.

Tras semanas de espera, finalmente saíu á luz o nome de Ramón Tamames, que Vox formalizou a pasada cuarta feira como candidato unha vez acordadas as liñas principais do discurso que pronunciará ante o pleno cando se debata a proposta. Conforme ao regulamento interno, o primeiro trámite da moción de censura é a cualificación do escrito pola Mesa do Congreso, que debe comprobar se cumpre os requisitos formais exixidos, isto é, a sinatura de cando menos unha décima parte da Cámara —35 deputados— e o nome dun candidato á Presidencia.

Neste caso, non está garantido que dea tempo a que a Mesa cualifique o escrito na súa reunión do día seguinte, xa que o habitual é fechar a axenda deste órgano de goberno co que se rexistrou até o sábado anterior. Ora ben, dada a excepcionalidade do mecanismo da moción de censura, a Mesa podería acceder a dar o seu visto e prace esta mesma terza feira.

Unha vez cualificado o escrito, quer esta terza feira, día 28, quer a vindeira semana, o 7 de marzo, remitirase ao presidente do Goberno estatal e os portavoces dos distintos grupos parlamentarios para que o estuden. Aí é cando abrirá un prazo de dous días para dar a oportunidade de presentar mocións con candidatos alternativos, para as que se exixen os mesmos requisitos e que, no seu caso, serían debatidas conxuntamente.

Para dar tempo a este proceso, a votación da moción ou mocións de censura non poderá ter lugar antes de cinco días desde a presentación do primeiro escrito, pero a data dependerá da Presidencia do Congreso. É previsíbel que a Cámara teña en conta a axenda do Goberno e que consulte os principais grupos. Así as cousas, na Cámara non se prevé que o debate decorra antes de mediados de marzo.

Resultado das seis mocións de censura presentadas desde 1977 no Congreso. (Infografía: Europa Press)
Resultado das seis mocións de censura presentadas desde 1977 no Congreso. (Infografía: Europa Press)

A última moción de censura de Vox tardou 21 días en debaterse desde a súa presentación e obtivo unicamente 52 votos a favor —os escanos da ultradereita— e 298 en contra. Mais a que presentou Pedro Sánchez en maio de 2018 contra o Executivo de Mariano Raxoi, que se saldou con resultado positivo, a única, só tardou unha semana en chegar ao pleno, dado que naquela ocasión o PP optou por precipitar a data convencido erroneamente de que, tras aprobar os Orzamentos, a censura do PSOE estaba destinada ao fracaso.

Máis tempo tomou o PP de Mariano Raxoi e Ana Pastor coa moción de censura que propuña Pablo Iglesias como presidente, en 2017, que se rexistrou o 19 de maio e foi debatida o 13 de xuño, case un mes despois. A iniciativa de Podemos non tiña opcións de prosperar, pois non a apoiaba nin o PSOE, e o PP non tivo présa en debatela.

"Plantar a Vox"

A moción de censura semella non alterar os plans de ningún grupo parlamentario, dado que todo apunta a que repetirá o resultado de 2020. Tanto é así que desde ERC trasladaron ao resto de forzas políticas a posibilidade de "plantar" a Ramón Tamames no debate para non "branquear" o partido de extrema dereita. "Para que teña sentido, ten que ser acordado entre todas as formacións. Se non é así, participaremos e faremos escoitar a nosa voz", defendeu a portavoz e secretaria xeral adxunta de Esquerra, Marta Vilalta.

Desde o Goberno, a ministra de Educación, Pilar Alegría, pediu a Vox que "non cotife as institucións", e ao líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, que "copie" o proceder do seu antecesor no cargo, Pablo Casado, e se opoña "con gallardía" á moción de censura. "O PSOE vai sentar a debater e terá a oportunidade, con toda a seriedade, de explicar o que estamos a facer e as propostas que estamos a pór en marcha, e as medidas que imos seguir defendendo ao longo da lexislatura, porque temos, desde logo, un plan de país, mentres que outros, a utradereita, terán a oportunidade de dirixirse aos cidadáns", engadiu.

Máis crítica foi a coportavoz estatal de Podemos, Alejandra Jacinto, que cualificou o movemento de Vox de "esperpento", "numerito" e "ridículo" que "non debería facernos perder moito o tempo". "Se Abascal quería quitarse de enriba o señor Feixoo, eu creo que no canto de facer un numerito tería que agardar a que a señora [Isabel Díaz] Ayuso o decidise", espetou, en relación co que considera unha "competición" na dereita por ver "quen lanza o discurso máis delirante".

Pola súa parte, o portavoz do comité de campaña do PP, Borja Sémper, avanzou que Núñez Feixoo, "por suposto", non estará presente na Cámara cando se debata a moción, que considera un "circo" e unha "performance" de Vox. A ultradereita, afirmou, dá con esta moción un "balón de oxíxeno" ao Executivo de Sánchez.

Comentarios