Ramón Tamames, de militar no PCE e gobernar con Tierno Galván a candidato de Vox contra Sánchez

A extrema dereita busca un segundo intento de tombar o Goberno de PSOE e Unidas Podemos após o estrepitoso fracaso da moción de censura presentada en 2020, sen apoio de ningún outro grupo parlamentario.
O economista e político Ramón Tamames. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O economista e político Ramón Tamames. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Vox e o político Ramón Tamames alcanzaron un acordo para que o ex militante do PCE sexa o candidato dunha moción de censura no Congreso dos Deputados contra o Goberno de coalición presidido por Pedro Sánchez, segundo confirmaron fontes próximas ao economista. A decisión comunicarase esta cuarta feira de forma oficial.

O líder da formación de extrema dereita, Santiago Abascal, revelou a principios de mes que estaba a manter reunións con Tamames sobre a necesidade de que as Cortes Xerais fagan unha "profunda reflexión" sobre a situación do Estado español, que podería articularse a través da moción de censura, e iniciou as negociacións co economista.

Días máis tarde, Abascal pediu "un pouco de paciencia" a respecto desas conversas co político e confirmou que había "moito interese" por ambas as partes para presentar unha moción de censura. "Seguimos traballando para chegar a un acordo que permita presentar unha moción de censura histórica", apuntou entón.

En declaracións a Europa Press, Tamames asegurou xa estar disposto a ser candidato, malia que necesita aínda "fechar detalles" sobre o seu discurso como candidato e tamén o discurso do defensor da moción. Entre tanto, desde Vox insistían en que o economista, de 89 anos, é un bo candidato, pero remarcaron que non é a única opción coa que traballou a formación de Abascal.

Fontes de Vox aclararon que rexistrarían a moción unha vez decidido o candidato. Tamén o portavoz da ultradereita no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, reivindicou o currículo e traxectoria profesional do economista, "unha das persoas máis adecuadas" para liderar unha moción de censura contra Pedro Sánchez, e reclamou ao PP que votase a favor.

Abascal xa anunciara en decembro a vontade de Vox de presentar unha nova moción de censura contra Sánchez, se ben dixo que o seu desexo era que o candidato fose "unha persoa independente", con "experiencia de goberno" e que se comprometa á convocatoria inmediata de eleccións xerais. Ademais, quería contar co apoio doutros grupos parlamentarios do Congreso para non rexistrar a moción unicamente coa firma dos 52 deputados de Vox, aínda que o PP rexeitou a oferta.

No mes de xaneiro, o líder de Vox explicou que o seu obxectivo coa moción de censura era "retratar" o xefe do Executivo "xunto aos seus socios golpistas", pero recoñeceu o seu temor a que o resultado puidese acabar "retratando de novo o Partido Popular xunto ao PSOE repartíndose o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional".

Moción de censura fracasada

A formación de ultradereita xa presentara outra moción de censura en outubro de 2020 contra o Executivo de coalición de PSOE e Unidas Podemos, sen lograr máis apoio que o dos seus 52 deputados e deputadas; o resto da Cámara votou en contra. Das cinco mocións presentadas contra o Goberno español desde 1977, só unha saíu adiante, a encabezada por Pedro Sánchez en 2018 contra Mariano Raxoi, e a de Vox foi a que obtivo o menor apoio.

Tamames, do PCE a Vox pasando por IU

Tamames militou no Partido Comunista de España durante a ditadura e foi concelleiro e primeiro tenente de alcalde do Concello de Madrid durante o Goberno do socialista Enrique Tierno Galván. Máis tarde afiliouse ao Centro Democrático e Social (CDS) fundado por Adolfo Suárez como sucesor da UCD.

Previamente, en 1984, fundara tras a súa saída do PCE a Federación Progresista, que foi unha das formacións fundadoras de Izquierda Unida en 1986, se ben ao ano seguinte a militancia acordou abandonar a coalición e un ano despois, desintegrarse como suxeito político.

Comentarios