Os ministros Ribera e Planas terán que explicar os POEM no Congreso a petición do BNG

Néstor Rego lamenta que non "escoitasen" o sector do mar.
Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Néstor Rego (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Os Plans de ordenación do espazo marítimo —POEM —aprobados polo Goberno español a principios de marzo fixan as áreas do litoral galego onde será posíbel erguer parques eólicos mariños. Seis empresas estranxeiras aspiran a ficar con eses espazos para a eólica mariña nas costas da Galiza, ante o rexeitamento de sectores como o pesqueiro e colectivos ambientalistas.

O BNG e a CUP aliáronse onte no Congreso para solicitar que a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o titular de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, comparezan e expliquen ante o pleno do Congreso os seus plans en relación coa implantación de polígonos de eólica mariña.

Solicitude conxunta

Para solicitar a comparecencia dun membro do Goberno español ante o Pleno requírese un mínimo de deputados e deputadas ou a sinatura de dous grupos parlamentarios. 

Neste caso o BNG, que está no Grupo Plural, atopou apoio na CUP, que está integrada no Grupo Mixto.

En concreto, solicitan que Teresa Ribera e Luís Planas comparezan no hemiciclo para render contas pola aprobación en Consello de Ministros dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño que, segundo denuncian, autorizan a implantación de polígonos de eólica mariña "sen atender ás demandas dos principais sectores afectados, como o pesqueiro, e sen contar cos informes necesarios sobre o impacto socioeconómico nin ambiental".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxiu estes días ao Estado a que rectifique a pretensión de instalar na costa galega parques de eólica mariña xa que "afectarán gravemente os ecosistemas mariños, á capacidade produtiva e á frota pesqueira galega". "Se non rectifica, o Executivo estaría a antepor os intereses do oligopolio eléctrico aos intereses da frota pesqueira e ás posibilidades futuras da actividade económica", sinalou.

Comentarios