Rueda anuncia que "non imos deixar pasar a oportunidade" da eólica mariña

A eólica mariña e os POEM seguen a centrar boa parte da axenda galega, tamén a política. Onte protagonizaron a sesión de control parlamentaria ao presidente, que evitou pedir a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, tal e como lle emprazaba o BNG, e defendeu a "oportunidade" para a Galiza da eólica mariña. Unha sesión na que non faltaron reproches e acusacións e onde Alfonso Rueda, presidente da Galiza, resumiu o obxectivo do seu Executivo cun "ser o contrario do Goberno central".
Afonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez volveron debater no pleno a respecto da situación da sanidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Afonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez nunha sesión de control. (Foto: Nós Diario)

Alfonso Rueda demanda que a eólica mariña ten un sitio nas costas galegas. "Non imos deixar pasar esta oportunidade", afirmou onte o presidente galego durante a súa comparecencia quincenal no Parlamento para responder ás preguntas da oposición. Rueda respondíaa así á pregunta do BNG, que quería coñecer o sentir do Goberno galego perante uns POEM rexeitados polo sector do mar. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, anunciou que a formación ía presentar unha proposta para pedir na Cámara galega que se retirasen eses plans para a eólica mariña. "Cal vai ser a posición da Xunta?".

Rueda limitouse a apuntar que os POEM deben de ser "modificados" e cargou contra o BNG por "seguir a ser os do non", "sectarios" e "intransixentes". O presidente cargou contra o Goberno español por falla de diálogo e atraso nos POEM mais deixou claro que para o seu Executivo a eólica mariña é unha "oportunidade" a "non deixar pasar".

Etiqueta verde ao espolio

Pontón lembrou que o sector do mar implicaba 74.000 empregos e que na Galiza "é incompatíbel a eólica mariña e o sector do mar". Apuntou que no seu día o Parlamento galego aprobara por unanimidade unha declaración contra a instalación da eólica mariña nas costas galegas, lamentando que agora PP e PSdeG abandonasen aquel consenso. "Cos Gob4rnos, quer do PP, quer do PSOE, sempre hai unha cadeira no Consello de Ministros para as eléctricas".

"Ou se está coa xente do mar ou se está con Iberdrola, Naturgy e Endesa", emprazou a portavoz nacional do BNG; "ou cos traballadores da nosa frota ou co lobby eléctrico que quere facer da Galiza unha colonia enerxética de Madrid". "Xa está ben de pór a etiqueta verde ao que é o espolio de toda a vida, que non somos parvos", engadíu. E concluíu cunha pregunta: Se a instalación dun proxecto eólico afectase  no canto do sector do mar a "Inditex ou Stellantis" a Xunta apoiaríao? Respondeu ela propia: "Ardería Troia, teñen vostedes unha dobre vara de medir". 

Para o presidente, porén, a enerxía eólica entra dentro das propostas para que a Galiza "avance". Manifestou que o reto é facer compatíbel esta enerxía co sector pesqueiro e botou en cara ao BNG a súa posición cando até "Bildu, do que van do ganchete" é favorábel a esta eólica, dixo. 

Sociedade da Xunta

O titular da Xunta citou a sociedade mixta público-privada para enerxías renovábeis que o Consello do Goberno galego aprobará esta quinta feira e agradeceu o PSdeG que non se posicionase contra a mesma. "Gostamos da música á espera de coñecer a letra", manifestara momentos antes o portavoz da formación socialista na Cámara, Luís Álvarez. 

Rueda avanzou que con esta sociedade de nova constitución todas as avaliacións de impacto ambiental valorarán aspectos como a creación de emprego local dos proxectos.

Un Goberno que non está á "altura"

Luís Álvarez advertiu aos presidentes que os datos socioeconómicos na Galiza non convidaban ao optimismo: ingresos por familia 3.000 euros por baixo da mesa estatal, 700.000 familias en risco de exclusión, competencias exclusivas en sectores como a industria "e que non se exercen", unha débeda pública triplicada cos Gobernos do PP na Xunta... "Que medidas vai tomar para mellorar esta situación", preguntou o portavoz do PSdeG.

Rueda, na súa réplica, tamén disparou contra os socialistas: "Prefiren ser socialistas a galegos", dixo, para responsabilizar o Goberno estatal de boa parte das cousas "que van mal" na Galiza. E para pór o ramo, expresou o obxectivo do seu Executivo: "Ser exactamente o contrario que o Goberno central". 

Comentarios