O Ministerio de Xustiza propón elevar penas na lei do 'só si é si'

Igualdade propón un Plan de medidas para a especialización xudicial.
A ministra de Xustiza, Pilar Llop. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Xustiza, Pilar Llop, no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Ministerio de Igualdade non cre que unha reforma penal sexa a solución para frear as revisións de penas a violadores que provocou a lei do 'só si é si' e considera que esta situación é consecuencia dunha incorrecta aplicación do dereito transitorio da propia lei, segundo afirmou a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell.

Ademais, apunta que as persoas expertas na materia e o propio Goberno español de coalición comparten esta postura e, por iso, Igualdade propuxo como solución posíbel un plan de medidas para a especialización xudicial, a formación en violencias sexuais e o incremento de efectivos para a protección das mulleres, tal e como "xa se fixo" coa Lei contra a violencia de xénero en 2004.

Corrixir a norma

O PSOE anunciou que presentará unha proposición de lei para corrixir a Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como lei do 'só si é si', por ser a vía máis rápida para levar a cabo esta modificación do Código penal, segundo indicou a portavoz socialista, Pilar Alegría.

Por este motivo presentará "canto antes" unha proposta de lei para reformala co obxectivo de "fechar a porta para os efectos indesexados" da mesma e para a que esperan contar co apoio dos seus socios de coalición de Unidas Podemos.

A ministra portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, respondeu ao Ministerio de Igualdade que o "problemático" na aplicación da lei do 'só si é si' non está en incrementar os instrumentos para reforzar a protección das vítimas, senón na interpretación da norma.

Respecto a posíbeis tensións no seo da coalición de Goberno, sinaladas polo PP esta segunda feira a través do seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, Isabel Rodríguez respondeu que a prioridade do Executivo español ao expor unha reforma son as vítimas e non "os posicionamentos das distintas organizacións políticas".

Comentarios