O Estado rexeita anular a prórroga da concesión da AP-9 que a Comisión Europea considera ilegal

A resolución recorrida esta cuarta feira polo Executivo español arrancou en 2019, após unha denuncia presentada pola asociación de consumidoras En Colectivo e que levou o 23 de setembro de 2021 a Comisión Europea a resolver que a prórroga da concesión da AP-9 incumpría a normativa da Unión Europea.
Óscar Puente, a pasada quinta feira 4 de setembro. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)
Óscar Puente, a pasada quinta feira 4 de setembro. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel recorreu o ditame da Comisión Europea que require ao Goberno español anular concesión da autoestrada AP-9 á compañía Audasa, por entender que foi outorgada de forma ilegal polo Executivo popular de José María Aznar. Segundo sinalaron na mañá desta cuarta feira desde o departamento dirixido por Óscar Puente, "desde o Ministerio colaborouse e respondeuse a todos os requirimentos realizados pola Comisión Europea por responsabilidade e para velar polo interese común".

O Goberno do Estado apuntou que "se remitiu unha resposta ampla á Comisión Europea na que España achega as aclaracións precisas e a información xustificativa a ter en conta á hora de que se poida realizar unha valoración sempre en defensa dos intereses xerais de España". Nesta dirección asegurou, "esta fase non supón aínda o final do procedemento" e avanzou a súa vontade de "esgotar" todas vías legais antes de aceptar a proposta comunitaria que lle obriga a anular a prórroga da concesión da AP-9. A este respecto, a resposta do Executivo español está en liña co defendido desde 2021 polos seus responsábeis.

A resposta do Ministerio de Transportes á Comisión Europea marcou a cuarta feira a actualidade política na Galiza. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, pediu ao Goberno español "estará á altura" e que a AP-9 sexa "libre e gratuíta o antes posíbel", malia a prórroga a Audasa firmada por Aznar.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou ao Goberno do Estado que "deixe de dar largas, poña Galiza por diante de Audasa e aproveite a porta aberta pola UE para rescatar a AP-9 dunha ampliación ilegal" e indicou que "rescatar a AP-9 é moito máis barato que seguir pagando as bonificacións, polo que non se entende a posición antes do Goberno do PP e agora do Gobeno do PSOE".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu a política promovida polo Executivo español en relación coa AP-9. A este respecto, destacou que "só os socialistas impulsaron a baixada das peaxes", asegurando que "pasamos de 50 ao 75% grazas ao Goberno de España, sen apoios nin do PP nin do BNG, e agora é o momento do 100% da bonificación que reclaman os galegos e as galegas”. Neste punto, augurou a "xudicialización" do procedemento" e apostou por "dar o salto á gratuidade total", incidindo que "o PSOE está disposto a facelo".

A resolución recorrida a cuarta feira polo Executivo español arrancou en 2019, após unha denuncia presentada pola asociación de consumidoras e coonsumidores En Colectivo e que levou en setembro de 2021 a Comisión Europea a resolver que a prórroga da concesión da AP-9 incumpría a normativa da UE. Neste sentido, as autoridades comunitarias entenden que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación", polo que demandan restaurar a legalidade co fin de "garantir a correcta aplicación das normas da UE en materia de contratación pública e de contratos de concesión.

O expediente sancionador aberto ao Estado español asegura que a ampliación da concesión da AP-9 até o ano 2048 "non se axusta á lei, ao ser outorgada de forma directa a Audasa sen permitir a libre concorrencia doutros operadores". Na mesma dirección, destaca que no proceso "non se aplicaron os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados", e advirte de que "ampliaron a duración das concesións de autoestradas sen iniciar previamente procedementos de licitación".

O ditame emitido pola Comisión Europea está en liña  coa xurisprudencia comunitaria. En 2019 o Tribunal de Xustiza da Unión Europa (TXUE) sinalou, nunha sentenza referida á ampliación da concesión da Autoestrada Tirrenaica en Italia, que prorrogar 18 anos unha concesión que tiña 30 anos como prazo inicial constitúe unha modificación substancial que non se pode introducir sen unha licitación previa. A da AP-9 foi sometida a dúas prórrogas: unha delas aprobada por Felipe González (PSOE) en 1994, que a ampliou até 2023, e unha segunda ditada por José María Aznar (PP) en 2003, que a prolongou até 2048.

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Aymerich, quen en setembro de 2024 elaborou co seu compañeiro de departamento José Antonio Blanco un informe no que cuestionou a legalidade da concesión da AP-9, apuntou a Nós Diario que, "no caso da Autoestrada Tirrenaica, o TXUE considerou que unha prórroga de 60% do prazo concesional inicial constituía unha modificación substancial", polo que "con máis motivo cabería outorgar esta cualificación á prórroga da AP-9". Neste punto, desvelou que "as peaxes na sombra da AP-9 até 2048 suman 2.844 millóns de euros, polo que recuperar a AP-9 aforraría 1.940 millóns de euros, ao ser o seu custo 904 millóns de euros".

As implicacións do recurso

A negativa do Estado a cumprir co ditame da Comisión Europea sitúa o procedemento ás portas dunha nova fase. Neste caso, o Executivo comunitario deberá agora acudir ao TXUE para obrigar o Executivo español a proceder á anulación da prórroga. A diferenza da resolución da Comisión Europea, o sentenza sería de obrigado cumprimento.

Audasa suma 1.133 millóns de beneficios e agarda obter 6.300 millóns até 2048

A AP-9 é unha das autoestradas estatais máis rendíbeis. As contas rexistradas pola compañía na Comisión Nacional do Mercado de Valores indican que no primeiro semestre de 2025 obtivo un beneficio neto de 44,6 millóns, o que supón un crecemento de 12,4% en relación co mesmo do período anterior. Neste sentido, recollen que a compañía ingresou por peaxes 105,6 millóns de euros.

Audasa leva recadado desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo da Autoestrada do Atlántico, até 2024 en concepto de peaxes, 3.939,9 millóns de euros. A este respecto, a AP-9 é unha das vías de pago de toda a rede viaria estatal cunhas portaxes máis elevadas, malia recibir a súa concesionaria axudas públicas a conta dos orzamentos do Estado co obxectivo de rebaixar o custo para os seus usuarios e usuarias. Só por este concepto, no ano 2024 a compañía recibiu do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sustentábel 33 millóns de euros.

A AP-9 achegou a Audasa desde a súa entrada en funcionamento beneficios de 1.133,5 millóns. A compañía non presentou resultados negativos en ningún exercicio desde 1993, mesmo en 2020, ano onde a actividade económica e a mobilidade foron golpeadas pola pandemia, a concesionaria obtivo unhas ganancias de 33,7 millóns de euros, após recadar en concepto de peaxes 127,9 millóns de euros. A este respecto, Audasa agarda obter da AP-9 uns beneficios de 6.300 millóns de euros entre os anos 2026 e 2048, exercicio de remate da autorización de explotación da  vía segundo o recollido nas prorrogas.

Comentarios