Militancia de Podemos Galicia pide a dimisión de Borja San Ramón tras os resultados "graves" do 18-F

Militancia de Podemos Galicia crítica coa dirección considera que a situación electoral "constata, de maneira incontestábel, unha desgraciada realidade, a de que Podemos Galicia é un enfermo grave ao que a maioría do Consello Cidadán (CCG) co coordinador Borja San Ramón á cabeza, está a darlle patadas".
Borja San Ramón, coordinador de Podemos Galicia (Foto: Podemos).
photo_camera Borja San Ramón, coordinador de Podemos Galicia (Foto: Podemos).

O grupo de Podemos Galicia que se enfrontou en primarias ao actual coordinador, Borja San Ramón, reclamou a dimisión de toda a dirección tras o resultado electoral das eleccións galegas, que encabezou Isabel Faraldo, tamén integrante da dirección. Fixérono a través dunha carta que evitaron facer pública aos medios pero que foi enviada a todos os membros do consello cidadán e á dirección.

Nesa carta, este colectivo de críticos consideran que a situación electoral "constata, de maneira incontestábel, unha desgraciada realidade, a de que Podemos Galicia é un enfermo grave ao que a maioría do Consello Cidadán (CCG) co coordinador Borja San Ramón á cabeza, está a darlle patadas".

Ademais, sosteñen que os resultados tamén son "a consecuencia ou o froito dun proceso que antecede ao previsíbel resultado obtido polo noso partido, sendo advertido repetidamente polo Colectivo Rexurdir Galicia", respecto diso do que lamentan que "ninguén, tanto a nivel da dirección política na Galiza ou a nivel estatal quixo pór remedio".

"Pasou unha semana e aínda estamos a esperar un mínimo de reflexión por parte de Borja San Ramón e o seu equipo ou a urxente e necesaria convocatoria do CCG", apuntan nesta mesma carta aberta.

Nela, denuncian a "política do avestruz" de "esconder a cabeza á espera que a tormenta amaine e non ter que asumir a máis mínima responsabilidade cando unha postura honesta e leal exixe a presentación dunha dimisión inmediata" tras os resultados de eleccións tras eleccións en que a cidadanía dá as costas a esta opción política.

"Falta de compromiso"

Nas súas críticas, o colectivo que lidera Gonzalo Busqué tamén arremete contra Borja San Ramón por unha "falta de compromiso por parte do máximo responsábel político" e por que algúns só tiñan como "único interese a confluencia, contestada pola militancia máis activa e fiel".

Tamén advirten que os círculos están "silenciados ou directamente desactivados" desde hai tempo e un "comportamento sectario cara a unha parte de militantes que se ofrecía para traballar e foron ignorados", o que é "unha mostra desoladora dunha desgraciada realidade incontestábel e ante a que a dirección estatal non reaccionou tampouco, pensando que a 'pax romana' táctica no territorio é preferíbel a asumir a súa obriga de cesar a quen non quere presentar unha dimisión honorábel".

Comentarios