Miles de persoas defenden en Compostela unha nación galega “sen límites”

Unha maré volveu percorrer a capital galega, da Alameda ao corazón da zona vella, convocada polo BNG. Máis unha vez, a defensa da soberanía do pobo galego foi a cerna dunha mobilización que reivindicou o vello verso de Celso Emilio Ferreiro: “Común temos a Patria”.

arxina 2-min (1)
photo_camera (Foto: Arxina)

Miles de persoas reivindicaron este domingo en Compostela unha “Galiza sen límites”, convocados polo BNG. A organización nacionalista convocara a se mobilizar na capital galega este Día da Patria Galega para defender o dereito a decidir do pobo galego e a resposta foi clara: unha maré de xente procedente de toda as as comarcas galegas, acudiu a Compostela. “Creo que había anos que non vía tanta xente”, confesaba Carme, de Vigo, que axiña engadía que “e levo vindo desde os 80, eh?”.

A precaución ante a Covid e a a anulación de Festigal e xantares e actos post-manifestación na Carballeira de Santa Susana semellan que non desanimaron á hora de acudira Compostela neste Día da Patria Galega. As estritas medidas contra o coronavirus fixadas polo BNG para esta mobilización levaron a que, ademais da tradicional da Quintana, se habilitase tamén a Praza de Praterías para o remate da mobilización. Tamén ficou pequena e houbo xente que non puido entrar nin nunha nin noutra. Problema? Ningún. Os que non puideron entrar pola limitación de capacidade ficaron na Rúa Nova: gaitas, bandeiras e cánticos para seguir a sumar festa e reivindicación.

As estritas medidas contra o coronavirus fixadas polo BNG para esta mobilización levaron a que, ademais da tradicional da Quintana, se habilitase tamén a Praza de Praterías

“Non era para vir...pero vimos”. Iria e Miguel, de Ourense, recoñecen que até hai uns días non estaban moi convencidos de acudir á manifestación. Mais finalmente, “sabiamos que de non estar aquí iámonos arrepentir”, e acudiron.

“España, España”

A piques de arrancar a mobilización do BNG da Alameda, os avións do exército español pasaron por riba das miles de persoas que estaban á espera dese inicio da marcha, pintando no ar as cores da bandeira española. Apupos, asubíos, algún que outro insulto cara ao ceo e tamén, algo de humor rebuscado: “Pois para ser militares bespañois, as ‘raias’ non lles saíron moi rectas”, apuntaba un mozo con camisola do Athletic.

arxina 3

Os avións volveron repetir xogada pouco despois, cando a cabeceira da manifestación xa estaba a piques de entrar na zona vella. Nova pasada sobre a manifestación e de novo, as cores da bandeira de España no ceo. Independencia”, “Que queiran que non, Galiza é unha nación” ou o cántico de “Galegas somos, galegas, seremos, por españolas nunca pasaremos” foi a resposta das manifestantes a esa ‘pasada’ dos avións.

Algúns peregrinos desfilaban paralelos á manifestación,i zando bandeiras españolas e con comentarios de “esto es España”, sen que colleitaran máis que indiferenza.

Mais non foi a única presenza española nas mobilizacións do 25-X, ademais da nutrida presenza de policías con equipamento antidisturbios. Unha muller meteuse no medio da manifestación á altura da Senra lucindo unha bandeira española e en actitude provocadora, sendo apartada con amabilidade polo servizo de orde. Posteriormente, e en Praterías, algúns peregrinos desfilaban izando bandeiras españolas e con comentarios de “esto es España”, sen que colleitaran máis que indiferenza.

“Sumar sempre”

En declaracións antes do inicio da manifestación, a portavoz nacional Ana Pontón afirmaba que o Bloque tiña “as portas abertas” a todos e todas as que quixesen sumar e traballar por Galiza. Apelou á “intelixencia” e “ilusión” para tecer unha alternativa a un PPdeG que, sinalou, está lonxe de defender os intereses de Galiza.

Na mobilización tomou parte unha nutrida representación de delegacións internacionais, desde vascos e  cataláns até bretóns ou cubanos. Os maiores aplausos recibiunos un Oriol Junqueras emocionado na Quintana ante as centos e centos de persoas que o recibiron a berros de “independencia”.

O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, tomou a palabra mentres A Quintana ía aos poucos enchéndose, coa capacidade limitada polas restricións ante a Covid. “A mocidade non é o futuro, é o presente. As mozas galegas non nos resignamos, sabemos o que precisamos para sairmos da precariedade: a soberanía".

Tomou tamén a palabra Olalla Rodil, deputada e vice portavoz parlamentar do BNG. Rodil trouxo até A Quintana as loitas “dos homes e mulleres” da clase traballadora galega e que fan parte desa reivindicación de que “Galiza é unha nación” que se concreta os Días da Patria Galega.

“Alternativa sólida”

"Unha alternativa sólida e solvente, unha alternativa de fiar, a alternativa do BNG que está en disposición de liderar o país". Así se presentou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen chamou a "non se pór límites" e alcanzar a Xunta para facer de Galiza un "país grande" cunha formación "aberta e plural".

Non pasou por alto a presenza da casa real española na Galiza, que protagonizou a Ofrenda ao Apóstolo no interior da Catedral compostelá mentres muros fóra Pontón proclamou que Galiza "non quere xogar na liga das rexións, senón das nacións", á vez que censurou "a vergoña" dun Estado no que é "delito denunciar a corrupción do Borbón" e non o é facer campañas contra os menores non acompañados.

"Saiamos desta praza coa convicción de que depende de todose todas nós. Sabendo que no BNG, cando nos pomos todos a un tempo, non hai quen nos pare", sinalou Pontón

"Saiamos desta praza coa convicción de que depende de todose todas nós. Sabendo que no BNG, cando nos pomos todos a un tempo, non hai quen nos pare", sinalou Pontón. “Temos as mans libres, libres fronte o centralismo e libres fronte aos grandes poderes económicos. Un BNG sen límites é o motor dunha Galiza con futuro e sen límites”, enfatizou.

E nunha cidade anegada un día como este domingo de turistas, sinalou: “Queremos facer de Galiza algo máis que un destino turístico. Queremos producir aquí para todo o mundo. Queremos ser un referente na ciencia e na investigación. Queremos medrar sen renunciar a quen somos”.

“Galiza ceive, poder popular”

O ambiente­­­ do 25 de Xullo fíxose evidente en lemas, cánticos, música… nas bandeiras da Patria de grande tamaño que presidían a marcha do BNG, ­­nas apelacións á solidariedade con Cuba, nas faixas de avante a loita feminista, nas pancartas contra a explotación laboral ou polo pulo universal da lingua galega.

A pandemia obrigou a unha mobilización diferente, con suspensión de actos polos que moitas nacionalistas agardan todo o ano. Mais o esecencial estivo presente, ao igual que nestes máis de 40 anos: “Galiza ceive, poder popular”, berraban Iria e Miguel na Quintana ao remate do himno. “Non hai lema máis bonito nin mellor resumo do que pedimos os que vimos aquí ano tras ano”, dicía sorrindo Iria.

Comentarios